Terranova

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

CANADIAN ARMED FORCES / HANDOUT

23 feb 2022 . Actualizado a las 07:42 h.

Todos son de aquí. Compañeiros. Irmáns na procura do sustento. Que nacesen ou non nesta terra afeita a ser engulida polo mar é circunstancial. Son mariñeiros dunha patria diluída nas augas internacionais e na pesca de altura, en realidade, e hoxe máis ca nunca, na inmensidade dos océanos e no esforzo que non miden nóminas nin seguros. Non hai unha galega ou un galego que, desde o pasado día 15, non teña o corazón encollido diante do naufraxio, ou a rabia a flor de pel diante do abandono desa prensa allea que atende máis a guerras que non pasan e leas menores. Que todo pare, pois todo ocupa o lugar que, nos nosos corazóns, aí si, ocupan os barcos que reviran en cadaleitos. Con eles afunden persoas nosas porque saen de aquí, para morrer ás mans dun mundo que somete homes ao perigo extremo para gañar un diñeiro que poucas veces queda na casa, nin sequera cando xa estamos mortos.

Se cadra é que a verdadeira patria dos galegos son os naufraxios. Por iso quedan raras as fronteiras, e falar deste mariñeiro de aquí ou aquel de alá, coma se as vidas valesen distinto. Para nós, para quen vemos o mar todos os días, as vidas que traga valen todas o mesmo. Os tripulantes son do barco porque no barco nacen e viven, todos proceden do mesmo lugar que é acubillo e intemperie, un lugar onde a nación habita no nó da gorxa e a bóla no estómago que só entendemos as habitantes dos países debruzados sobre o mar. A nación está no desamparo que procede da inmediatez de terra dentro. Aí non ole ao salitre que embalsama os corpos dos mariñeiros, nin se entende a dor das viúvas de xentes que nin sequera regresan mortas. Velaí Galicia: a que ten o mar como insolente cemiterio de diario, e naufraga con cada barco que se perde en Terranova ou no Gran Sol.