Para mariñeiros nós

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

GREG LOCKE | Reuters

22 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Saberán o significado deste naufraxio no mar de Terranova Casado, Ayuso e os que en Madrid están a discutir se un intermediario pode cobrar por exercer esa influencia que só pode ter o irmán dun gobernante? Saberán os que van mercar peixe ao mercado, a 600 quilómetros dos portos e 600 metros sobre o nivel do mar que facían aqueles homes do Morrazo, de Perú e de Ghana no Atlántico noroeste en febreiro? Saberán os que piden bacallau ao pil-pil no restaurante onde se reúnen para encargar mascaras a China e fixar prezos por xestións de onde ven o peixe que comen?

Da importancia da pesca na alimentación saben todos, do que hai que facer para traer o peixe moitos menos. Se Madrid é o principal mercado de peixe fresco de Europa vai ser cousa doutros que llelo pescan e llelo venden. A pesca ven sendo esa actividade extractiva e produtiva que desenvolven os territorios que no centro adoitan chamar periféricos. O asombroso é que, despois dun século comendo peixe fresco, España dentro de España siga sen ter un ministerio de pesca. Coa cantidade de ministerios sen competencias —transferidas ás autonomías— que segue habendo no Goberno central, como é que nunca se lles ocorreu facer un ministerio de pesca? Esa eiva di moito da falta de interese, da cegueira, do Goberno central, pero tamén da capacidade dos litorais hispanos para compoñerse polo mundo adiante sen axuda do Estado.

España come moito peixe pero compórtase como se aquí ninguén se adicase á pesca. Aínda seguen entender a diferenza entre mariñeiros e pescadores (de cana). Hai cen anos que grazas ao xeo, o motor de explosión e os refrixeradores os portos do norte peninsular —non os outros— aprendéronlle a comer peixe fresco ás xentes do interior da Península Ibérica. Antes o seco, o salgado e o lañado xa circulaban en abundancia, pero eran moito menos gorentosos para os padais exquisitos.

Os galegos e os vascos, coma os portugueses e os nórdicos, levan estendéndose polos mares á procura de caladoiros dende antes de que Colón chegara a América. En Canarias hai topónimos costeiros e nomes de peixes en galego e en Cerdeña e en portugués.

A mortalidade no mar reduciuse moito nas últimas décadas, con mellores medios de seguranza e rescate e con moita máis formación, pero non se reduciu tanto a sinistralidade. Os naufraxios e os afogados, por poucos que sexan, seguen batendo en nós e na nosa conciencia coma sempre. E desta volta foron moitos do noso señor. Eles e as familias espertan as nosas solidariedades. Aínda queda moita marxe de mellora. Algúns naufraxios seguen dándose ás veces por erros e imprudencias ou pola mala guía dun empeño produtivista. Non pode haber razóns para faenar con mala mar e sempre hai máis medios para protexer ás tripulacións; abonda con escoitar a Xavier Aboi e outras voces sindicais, tan necesarias nunha actividade na que a defensa do traballador aínda ten moito camiño por andar.