Ciberguerra rusa

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

JOSE COELHO | Efe

22 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A ameaza de guerra na Ucraína por parte da Rusia veunos amosar unha realidade que comezaba a ser tanxible durante a Segunda Guerra Mundial, a das telecomunicacións como arma. Non se pode esquecer a máquina electromecánica Enigma usada polos alemáns para cifrar mensaxes de radiotelegrafía; nin a transmisión de audio por mostras con que os americanos tolearon os servizos de escoita xaponeses.

Como hai días notificaba La Voz, ante o medo a unha guerra cibernética ás mans dos piratas informáticos rusos que paralice a Ucraína, as forzas armadas dese país están a recuperar aparellaxe de radiotelefonía antiga para non ficaren fóra de acción. Tristemente, dos conflitos bélicos tíranse ensinanzas; e velaí un caso do que pouco se fala, o das Malvinas: na Arxentina, vistos os perigos de espionaxe nas comunicacións por vía satelital, virouse a ollada ás dos radioafeccionados, por onda curta reflectida na ionosfera. Dese xeito —para burlar o «amigo americano»— pasouse a transmitir da Terra do Lume a Buenos Aires mensaxes cifradas por ordenador, moito máis complexas cás da Enigma.. Convén manter o coñecemento de técnicas vellas por se rexuvenecen co apoio doutras novas (velaí o coche eléctrico). Oxalá na Ucraína apareza algún avance nas TIC sen necesidade de aplicalo no campo de batalla.