Os circuítos exteriores tamén existen

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Martina Miser

13 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai anos reuniámonos varios editores galegos na Feira Internacional de Fráncfort, o gran escaparate europeo do libro, para falarmos da situación do sector e das posibles estratexias a desenvolver cara a proxección da nosa creación literaria alén das nosas fronteiras. As traducións son unha fórmula, certamente, e moito se leva avanzado neste aspecto, mais o problema que atopabamos daquela (na década dos 90 do pasado século) era a visibilidade, como presentar nos grandes espazos do comercio exterior a nosa creación e os nosos creadores, que obxectivamente no desmerecían doutras culturas, pero que apenas ninguén sabía de nós. Cando percorriamos os postos dos axentes literarios ofrecendo o produto, os máis espilidos confundíannos coa Galitizia polaca. Só cando, logo de moitas voltas, falabamos do Camiño de Santiago automaticamente prendía a luz.

Na marea da semana pasada xa falei do mercado e a súa significación cara a viabilidade dunha produción cultural estable. Mercado interior, para soster e vivificar os creadores na casa, e mercado exterior, para proxectarnos no mundo, que é instalarnos na contemporaneidade. Os tempos esixen esa presenza.

Nas xuntanzas de Fráncfort, ás que informalmente asistía algún representante da administración galega, saíron algunhas ideas interesantes. Fronte á política de repartir os recursos coa coñecida fórmula de «café para todos», que ao final consiste en repartir a pobreza en migallas coa idea de que todos vaian contentos, base primeira do clientelismo, algúns defendiamos una estratexia máis audaz, supoño que tamén a medio e longo prazo: integrar a creación literaria e editorial, pois daquela falabamos do libro, no discurso global do comercio e a cultura, un gran escaparate internacional que relacionase o libro coa música, o cinema, as artes plásticas, a gastronomía, o turismo, o patrimonio histórico, o medio ambiente… O Camiño de Santiago é una magnífica carta de presentación. Mais tamén a empresa, a investigación, a tecnoloxía, a economía: dende a variedade das rías á pedra ornamental, o viño ou a madeira.

O proxecto esixe calidade, por suposto. Excelencia e autocrítica. Pero imaxinade os escaparates de Inditex polo mundo adiante adornados con cerámica, libros ou deseños de artistas galegos. Imaxinade un gran escaparate internacional en Fráncfort, no Salón do Libro de París, en Bolonia, nas feiras de Guadalajara ou Buenos Aires, onde a creación literaria vaia da man desas outras fontes de riqueza. A cultura aliada coa economía e a industria. O mercado exterior existe (temos una chea de artistas premiados polo mundo adiante). Mais precisamos dunha estratexia común, audaz, tanto por parte da Administración como por parte da iniciativa privada, sempre temerosa, á que habería que implicar cun programa viable, atractivo, que beneficiaría a todas as partes. Falamos de Galicia como un sistema de vasos comunicantes. Son ideas que poño enriba da mesa.