Axenda da fusión nuclear

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

Martina Miser

13 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Sol crea a súa enerxía apertando moito átomos de hidróxeno entre si. Cando a presión chega a niveis enormes, pares de átomos de hidróxeno fúndense para dar nacemento a átomos de helio, un proceso no que se libera moitísima enerxía. Dende hai tempo os humanos intentamos reproducir ese proceso na Terra, porque sería a solución enerxética definitiva: o hidróxeno obtense dunha pouquiña auga, e non se xeran apenas residuos radioactivos. Para que se produza a fusión, os átomos de hidróxeno teñen que espachurrarse uns contra os outros, e a maneira estándar de conseguilo é poñéndoos a temperaturas altísimas (para que se axiten máis rápido), por riba dos 100 millóns de graos.

Nos últimos meses estamos asistindo a anuncios de novos récords de temperatura en experimentos de fusión. Estamos ás portas da solución enerxética do mundo por esta vía? Non, nin a curto nin a medio prazo. No récord desta semana conseguíronse 150 millóns de graos durante 5 segundos, a enerxía producida foi a equivalente á necesaria para poñer un camión a 100 km/h, e para lograr eses 5 segundos gastouse o triplo do que se conseguiu. O paso é importante, e dá esperanza ao gran reactor experimental de fusión europeo, pero non empezará a funcionar ata o 2025 e, se todo vai ben, non empezaría a producir enerxía ata 2035. E, se todo fose un éxito, o mundo empezaría a transformar o seu modelo enerxético a partir do 2050. De momento, en 2022 non chove, e vai haber que cubrir (con gas) o oco que deixa a caída da produción hidroeléctrica.