A ciencia é xeración de coñecemento e curiosidade polo que nos rodea. É esencial no noso desenvolvemento como sociedade, e decisiva no futuro que nos espera. Pero cando pensamos nun científico deseguido temos na cabeza a imaxe dun home de pelo branco e algo excéntrico. Esa imaxe non pode estar máis equivocada, son moitos novos e moitas mulleres as que fan ciencia e xeran coñecemento no noso país. Nós mesmas somos dúas mulleres novas que facemos ciencia en Galicia. A nosa carreira en moitos aspectos é paralela, fixemos a nosa tese na Universidade de Santiago de Compostela, tivemos unha primeira etapa posdoutoral financiada pola Xunta de Galicia na cal investigamos dous anos no estranxeiro, volvemos a finais do 2018 e comezamos unha segunda etapa posdoutoral para consolidar as nosas liñas de investigación en Galicia. Dende que comezamos na investigación hai uns trece anos, tivemos 7 e 10 contratos diferentes cunha duración estable máxima de dous anos. E nós fomos das afortunadas porque obtivemos financiamento público e «certa» estabilidade, aínda que isto remata o próximo mes de maio, cando terminamos o contrato co dereito a indemnización aínda no aire e sen unha posibilidade clara de acceder á estabilización. Non somos a únicas, a situación da ciencia en Galicia (e no resto do Estado) é crítica. Leva moitos anos na uci castigada por un financiamento insuficiente, unha burocracia absurda, e unha alta temporalidade que leva o persoal investigador á desesperación, e en moitos casos a abandonar. Catro de cada dez traballadores do sector da I+D son temporais e precarios.
Comezouse a reforma da lei da ciencia co obxectivo de crear oportunidades, reter e atraer (o que deixamos marchar anteriormente) talento, e devolverlle a ilusión a comunidade científica. Nas mesmas datas comezaban tamén as negociacións da reforma laboral. Dende o principio estas dúas normas deberían ir collidas da man. Pero ninguén pensou na ciencia ó facer a reforma laboral. Nin sequera mentres continuamos inmersos nunha pandemia mundial que demostrou o importante que é a ciencia básica. Non temos dúbida de que para mellorar a nosa situación, acabar coa temporalidade é un bo paso, pero eliminar dun día para outro os contratos por obra e servizo sen ter outra alternativa é deixarnos nun limbo. Normalmente, os nosos contratos están ligados á duración de proxectos ou aos programas de recursos humanos que consegues. Sen alternativa para continuar, as nosas carreiras e a de moitísimos investigadores paralizaranse ou marcharán a outros países. Agora parece que hai unha posible solución: o contrato para actividades científico-técnicas, un tipo de relación laboral indefinida pero suxeita aos fondos asignados ao proxecto que sustenta a vinculación contractual entre os organismos públicos de investigación e o investigador. Veremos.
A reforma da lei da ciencia e a da reforma laboral deberían ter sido coordinadas; non o foron, e uns 25.000 investigadores están nun limbo. Pedimos aos nosos políticos e gobernantes que non deixen que isto perdure no tempo e busquen unha solución para impulsar a ciencia e o seu persoal cara un futuro mellor.