Mentiras que matan

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Sandra Alonso

11 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten tres anos e un problema grave no corazón. Se non se somete a unha cirurxía... quizais non poida seguir vivindo.

Se eu fose a nai, pregaría porque lle realizasen a intervención o máis axiña posible. Podemos caer no erro de que calquera proxenitor faría o mesmo. Por desgraza non é así.

Uns pais néganse a operar ao seu cativo por que non queren recibir sangue que sexa de persoas vacinadas contra o covid. A risco de que o seu pequeno faleza, si.

Que facer nestes casos? Acudir á xustiza. E esta deulle a razón ao hospital, polo que finalmente practicaranlle a operación ao pequeno para poder salvarlle a vida.

Vostedes poden crelo? A min cústame, pero é verídico. E, por máis que o intento, non son capaz de entendelo. Non sei que é o que estamos a facer mal para chegar a estes extremos. Non me explico como a ciencia non esmaga as dúbidas de maneira implacable e como as mentiras poden roer na mente das persoas ata o punto de poñer en grave risco a vida dun fillo por... medo? Non sei se é medo, precisamente. Nin sequera sei a que atribuílo...

Fascíname a velocidade á que se espallan as mentiras, as parvadas, os embustes e o difícil que é logo erradicalos e combatelos usando a verdade como arma? Que nos queda entón? Como atacar as falacias? Porque non estamos a falar dunha nimiedade, estamos a falar da vida dunha persoa, da do propio fillo!

Iso de que a mentira ten as pernas curtas... habería que revisalo. Eu máis ben diría que a verdade ten un lento camiñar. Avanzar no lodo é ben difícil.