Sen luces nin bohemia

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR

OPINIÓN

TELECINCO

10 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Valle-Inclán tiña fama de ser un tipo con moi mala uva. Tamén Unamuno. Ou Nietzsche. Agás Bertrand Russel, ou Einstein, que eran de saír rindo nas fotos, a meirande parte dos sabios intelectuais doutras épocas andaban sempre serios, graves, coa expresión torta de quen vai pola vida pensando: comigo, coñas, as xustas. Ou quizais é que se lles quedaba esa cara porque dalgunha maneira perderan o riso a forza de ver aos seus contemporáneos facer o parvo, renunciar á lóxica, enlamarse na soberbia, cotizar á baixa en sentido común. Citei en primeiro lugar a Valle-Inclán, que era galego de nacemento aínda que moi pouco de espírito, pero iso tanto ten. Digo que citei a Valle porque relendo esa marabilla que é Luces de Bohemia atopo reflexións, duras, sobre España, que son perfectamente aplicables á nosa realidade máis vibrante. Escribiu o libro en 1924, é dicir, hai case que un século, e malia iso poderían ser perfectamente defendidas hoxe, o cal fala moi mal de nós.

Na obra citada, Valle di que «en España el trabajo y la inteligencia siempre se han visto menospreciados. Aquí todo lo manda el dinero». A sentencia, que é máis ben o texto dunha lápida, debería estar tatuada nalgunha parte da anatomía de moitos que eu me sei e que dirixen os destinos de tantos concellos, de tantas administracións autonómicas, de tantos gobernos. E claro, si que tamén, de tanta xente. Porque este país é así: a quen estuda, a quen se mata a investigar, a quen se esforza, non sempre se lle apoia. Vin estes días aos seareiros dun club de fútbol manifestándose pola rúa para defender un adestrador. Non os vexo diante do CSIC dicíndolle ao Goberno: que non marchen os nosos investigadores, que cobren un soldo decente, que non teñan que mendigar coma pobres de pedir. Porque en España hai brillantísimos investigadores que non chegan ao soldo mínimo e que encadean un contrato precario detrás do outro. Mentres, Antonio David cobra exclusivas, Paz Padilla dá leccións de viroloxía e Bertín Osborne saca os cartos de España, patriota.

No mesmo libro, di Valle-Inclán, tan serio e amargado: «En España el mérito no se premia. Se premia el robar y el ser sinvergüenza». Outra lápida vergonzante. O grande intelectual ve con claridade que roubar (pero roubar ao grande, nada de pequenos menudeos nunha tenda de barrio, non, aquí falamos de roubar millóns e millóns) é premiado pola sociedade. Coñecemos a corrupción endémica presente nas grandes esferas do poder, sexa iso entendido nun sentido amplo, pero á sociedade non lle preocupa. A xente non castiga iso. Tanto lle ten. Os ladróns poden estar tranquilos neste país. Ás veces lemos que algún ministro nórdico dimite porque o pillaron pagando unha chocolatina coa tarxeta oficial. Literal.

Por aquí, no fondo, ese tipo de cousas dá risa. Por iso Valle fala do triunfo dos que non teñen vergonza. O futuro é deles. Dixo hai cen anos e, máis ou menos, seguimos igual. Sen luces e con pouca bohemia.