Reforma laboral da precariedade

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Ricardo Rubio

09 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O circo eurovisivo de Benidorm trasladouse ao Congreso dos Deputados para a votación da reforma laboral. En verdade a capacidade dalgúns partidos para levar o ridículo aos procedementos democráticos parece non ter couto. Seguimos tendo un problema de bagaxe democrática que non damos curado despois de corenta anos. Apréciase na vontade de tutelar aos votantes, no empeño en torturar normas e torcer vontades. Será por iso que o PNV sempre aparece como o partido ideal, o máis serio o máis construtivo o que todos queren, de Mariano a Yolanda. Será porque é o único con continuidade democrática, coñeceu dous sistemas parlamentarios, dúas ditaduras, o exilio, a clandestinidade e enxergou xeracións para seguir sendo o mesmo partido. Pasou de novo na votación destoutro día e nos procesos negociadores previos. O vello PNV foi o máis loado. Non ten que ver co sentido do seu voto senón coas súas formas de negociar, de estar e de se explicar.

O circo montaron os que se empeñan en torcer a vontade dos partidos e dos deputados. Vén pasando dende o Tamallazo, volveu pasar hai pouco en Murcia e agora con UPN. Se non pasou pareceuno. Como din os italianos, se non è vero è ben trovato nas crónicas. Do problema informático nin falamos, ben sabemos que é o argumento que usamos os vellos para xustificar a nosa impericia e os novos para furtar as súas responsabilidades. Nas crónicas da votación falta pedir explicacións ao deputado do PP por Cáceres que pediu non asistir ao pleno e votar telematicamente, para presentarse na porta intentando emendar a súa torpeza. Se acredito nos alumnos cando non poden vir a un exame ou á aula, como non se vai acreditar na palabra dun deputado. Acreditar na palabra dun simple cidadán é o que fai unha democracia digna do seu nome. Pois xa ven. Tampouco se falou moito de que a presidenta do Congreso non soubo sumar antes de falar.

E a reforma laboral? A trangallada agochou o importante. Seica a reforma non encarece o despedimento como debera, que non favorece un marco galego de relacións laborais como tampouco o vasco que quería o PNV; ERC desta volta non dei sabido que quería. Porén a reforma deu pasos para rematar coa lacra da precariedade. Pasos que había quedar, tamén por esixencias da UE. Pero para alén diso, o paso significa que nas universidades —o medio que coñezo— miles de persoas que levan quince ou vinte anos contratadas ano a ano, ou mes a mes, con meses de soldadura entre contratos, nos que van ao paro ou nin iso, poderán por fin aspirar a un contrato digno delas e do seu traballo. E todo o demais que xa saben na sanidade, na hostalaría, nas empresas todas. Significa que agás excepcións cando te contraten será porque o teu traballo ten sentido e un mínimo de futuro. Para os casos en que non sexa así xa hai contratos excepcionais. Como en toda Europa. Un erasmus compostelán pode ser camareiro en Dublín os meses que estude no Trinity College, pero se gusta de servir Murphys e Guinness e fai diso a súa vida en Temple Bar terá un contrato con xeito. Agora quí tamén.