Sen fronteiras gañaron as galegas

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Mónica Irago

01 feb 2022 . Actualizado a las 18:29 h.

Coas fronteiras perderon no Benidorm Fest. As fronteiras son cousa dos imperios e dos seus poderes, a xente brinca por riba delas. É a historia dos migrantes de onte e hoxe é a dos galegos nos últimos douscentos anos, que son moitos anos para non deixar pegada cultural e de carácter. Para un imperio frustrado imitar ao imperio que trunfa é inevitable, pode que por iso o xurado -o poder neste caso- preferiu o spanglish de Iván Redondo. Chanel, a cantante de orixe cubana que gañou, magnífica artista, é coherente cos seus gustos e preferencias -Beyoncé e Jlo-. Estou certo que fai as delicias dos meus curmáns cubanos na Tropical da Habana ou no Caribe Night Club de Miami. Aquí foi a preferida do xurado e das discográficas, os imperios teñen intereses, saben defendelos e teñen como. Pasou o que pasou

Quedámonos co voto do público e co seu significado, que non pode agocharse. A xente votou o que votou. Poder popular. O asunto Tanxugueiras demostra que o galego é popular e mobiliza vontades positivamente. Tamén descobre que os vellos poderes, coma sempre, poñen chatas. Remontarnos á aldraxe do 79 axuda a entender o que digo aínda que os asuntos non sexan comparables. Máis importante me parece comprobar hoxe que o galego e as galegas son populares en todo o Estado. Cunha proposta moderna, universal e de raíces, das nosas, as irmáns Maneiro e a amiga Tarrío fixérono posible, máis uns bailaríns que se movían coma percorrendo un paraíso de nubes, cun xeito que aqueloutraba a calquera. Por iso, e por como se explicaron, foron as máis votadas. Populares e mulleres. O voto que as levou ao cume non foi o voto galego -só-. Somos minoría. Todo o mundo en todo o Estado votou polas galegas, como pediu o veciño Sobral. A xente escolleu, non votou reggaeton e aínda escolleu antes o delicioso himno da catalá Rigoberta Bandini.

O resultado foi o que foi. As normas eran coñecidas e con elas podía pasar o que pasou ou outra cousa. As normas non son o problema. Foino un xurado que estivo á altura da súa torpeza. Non son expertos, son interesados e notóuselles dende que na semifinal quixeron contradicir a tendencia deixándoas fora. Notóuselle fachenda á voceira. Non hai unha ciencia da canción, hai tendencias, gustos e intereses. O xurado demostrou estar noutra onda e espiu os seus intereses. Uribarris redivivos. Tanto que obrigaron á esclerotizada CRTVE a emitir un comunicado para explicarse e anunciar mudanzas. Tanxugueiras tamén obrou ese milagre.

O que estas mozas fixeron dará moito que escribir e lembrar. Arreboláronse un día e dixeron: alá imos! E foron. Sen pedir perdón nin pedir permiso. Cousas da súa xeración. Agora xa volvemos saber os galegos que bailar e cantar é mellor que agoniar. Estes días ninguén fixo caso dos chorimiqueiros por aquí. Hai cen anos Catherine Gasquoine díxo das galegas que eran xente que traballaba cantando con alegría. As Tanxu trunfaron, sen peros. Ardelle o eixo!