Aida, Olaia e Sabela, a Galiza que vén

Olalla Rodil LIÑA ABERTA

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

01 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Antes de máis cómpre saber a quen isto le que eu son eurofán, moi eurofán. Agora imaxinen o que se sente cando ademais unha canción en galego feita por tres poderosas pandeireteiras opta a Eurovisión. Non me collía o corazón no peito nada máis escoitar as primeiras notas de Terra.

A primeira vez que vin as Tanxugueiras foi no barrio de San Pedro, en Compostela, hai uns cantos anos. Pouca xente escoitara falar delas e un bo amigo acordeonista díxome no concerto: «Ollo con estas rapazas». E tanto ollo!

Cantan a voces, algo pouco común, e fan versións moi libres, moi súas, dun cancioneiro popular peneirado para escoller aquelas letras nas que as mulleres falan en primeira persoa e con forza. Esa rareza, se se quere, é unha das cousas que as fai enormes, poderosas, case únicas.

Terra é iso. É puro son Tanxugueiras. Coller a tradición e a identidade galegas co máximo dos respectos e traballar con elas, como materia prima, traéndoas aos nosos días como o que son, algo vivo.

Detrás de Aida Tarrío e de Olaia e Sabela Maneiro hai moita e moi boa xente, profesionais da cultura deste país que elevaron a proposta galega ao máximo nivel: desde a produtora PlayPlan á coreografía de Fran Sieira e Silvia Miramontes pasando polas mans de Iago Pico e a marabillosa estética na dirección artística de Laura Iturralde, os visuais de Marta Verde, a maquillaxe e o vestiario de Bulideira e Miguel Ángel Bling.

Somos un país de artistas!, que diría Xurxo Souto.

Non puido ser que as Tanxugueiras vaian estar en Turín e iso que contaron co apoio e co voto popular, pero na vida hai moitas formas de gañar e non sempre consisten en chegar primeiro.

Terra soou en Benidorm, pero tamén o fará este verán no torreiro de calquera festa e no medio e medio de máis dunha discoteca. Ese é o poder das Tanxugueiras, rachar barreiras, estereotipos e fronteiras tamén mentais que son, as máis das veces, formigón. Senón que llo pregunten ao xurado do festival de Benidorm...

Había tempo que en Galiza non se sentía tanto orgullo colectivo e facíanos falta, madia leva! Estas tres mulleres conseguiron que comezase a emerxer, a saír da Terra, esa Galiza poderosa, orgullosa de si, que mestura tradición e modernidade, sen complexos. Unha Galiza universal, sen fronteiras, feminista e sen límites protagonizada por mulleres novas que son futuro pero, sobre todo, presente. Toda unha xeración de artistas, de creadoras e de talento que agroma e pide paso.

Non iremos a Turín pero vosoutras, nosoutras, xa gañamos.