Un decano moi pouco ilustre

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Alejandro Martínez Vélez

31 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A palabra decano remite a persoa de certa idade que, ademáis, atesoura unha certa sabedoría. Xa sabemos que non é así, pero cando a alguén se lle outorga ese título, un decanato, suponse que ten certas virtudes intelectuais que se lle recoñecen e que por iso é digno do seu cargo. Non sempre é así, insisto, en especial nas estruturas universitarias e imos deixalo aí. Quero falar aquí do decano dos avogados de Madrid, quen recentemente e diante da mesmísima ministra de Igualdade, se permitiu  dicir que non estaba dacordo cunha «xustiza feminista», ao igual que tampouco estaba a favor dunha «xustiza machista». Acabou a faena explicando que a xustiza non se pode «inclinar hacia un lado o hacia otro», como se un tribunal fose o plató de Hombres y Mujeres y Viceversa ou algo así, ou un debate de terceiro de primaria en plan «nenos contra nenas».

O nivel do razoamento do señor decano é equiparable ao dalguén que ten poucas luces, poucas lecturas e case ou ningunha formación. Porque pensar que o feminismo é o oposto ao machismo podo esperalo dun dirixente da ultradereita, pero non do representante máximo dun colectivo xudicial. En todo caso, xa llo aclaro eu dende aquí: o machismo é unha ideoloxía que mata; o feminismo é unha ideoloxía que salva vidas. Así. En plan Barrio Sésamo. Supercoco ou Triqui, o Monstro das Galletas, o entenderíano porque a cousa é simple. Machismo: malo. Feminismo: bo. O primeiro defende un sistema (o patriarcado) que busca o sometemento das mulleres. O segundo busca a súa liberación e a igualdade de oportunidades.

A filósofa Carme Adán ten defendido en moitos dos seus traballos a necesidade de «lexislar en feminista», ou sexa, de facer da lei un exercicio de corrección das disfuncións sociais. É tan de sentido común que ter que explicalo case que dá cousa. E moito menos a todo un señor decano a quen supoñemos, cando menos, informado do significado de certos conceptos básicos.

Cando o señor decano dixo tal cousa, a ministra, que é moi lista, contestoulle e púxoo no seu sitio. Nos días seguintes unha morea de xuristas, ou sexa, mulleres, afeáronlle ao señor decano a súa terrible intervención diante da ministra. Algún, pero moi poucos, homes do mundo xudicial abriron a boca para rifarlle ao decano que confunde termos que calquera estudante de primeiro da ESO xa ten bastante claros.

A lei é moi clara a día de hoxe. De feito, España ten unha das normativas xurídicas máis avanzadas do mundo no que ten que ver coa igualdade. E o legal en España (cousa que ignora o decano dos avogados) é impartir xustiza con perspectiva de xénero. Resulta que non é algo opcional. É que a nosa lei é así, afortunadamente. Deféndeo a lei española e Nacións Unidas, por certo.

O acto estaba organizado polo Ilustre Colegio de Abogados de Madrid. O seu máximo representante demostrou, dende logo, ser moi pouco ilustrado.