Na lembranza de Víctor Moro

francisco López «Chesqui» SECRETARIO XERAL DO PARTIDO GALEGUISTA E MEMBRO FUNDADOR DAS FUNDACIÓNS CASTELAO, ALEXANDRE BÓVEDA E SOTELO BLANCO

OPINIÓN

María Pedreda

27 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Atopábame no camposanto de Rubiáns na cidade de Vilagarcía de Arousa, despedindo a miña prezada amiga e irmán galeguista Loly Saénz Fernández, de 99 anos de idade, cando recibín outra nova de fonda tristura, non só para min e a miña familia, senón tamén para moitos galegos, e moi especialmente para os homes e mulleres dos «dous mares de Galicia». Tiña finado a idade de 95 anos o economista e político galego Víctor Moro Rodríguez. Víctor formaba parte dese grupiño «escollido e prezado» de políticos nobres, honestos e honrados, que exercen a política con unha profunda vocación de servizo ao pobo, e que todas as persoas de ben botamos en falta, militen na formación que militen, porque síntense orgullosos de representar ós cidadáns e defender aquelas cuestións que lles afectan nas súas vidas. Así era Víctor Moro.

Todos somos conscientes e valoramos a aquelas persoas que pasan facendo o ben e eu non teño ningunha dúbida que unha desas persoas foi Víctor Moro; e pódolles aventurar que a súa historia, a historia da súa vida, está por escribir. Pero teño a completa certeza de que escribirase. Si, meus benqueridos e prezados compatriotas desta nosa terra chamada Galicia, Víctor pasou por este mundo facendo o ben, non só para con todos aqueles que tivemos a inmensa sorte e o privilexio de coñecelo e de compartir con el unha boa parte das nosas vidas, senon tamén para Galicia e o galegos.

Alá por onde foi e estivo levou sempre a Galicia no seu corazón, e asegúrolles que falo e escribo con coñecemento de causa por telo vivido dende moi neno.

Quizais moitos dos lectores sorprenderanse cando lles conte que a primeira vez que escoitei falar do pai da patria galega, de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, foi ao comezo da Transición, e máis concretamente o día 15 de febreiro de 1978, dez meses antes de aprobarse a actual Constitución. Tiña eu por aquel entón 17 aniños, e xa andaba á procura destas cousas da política, e foi precisamente nunha intervención de Víctor nas Cortes do Estado co motivo da defensa do acordo pesqueiro hispano-marroquí, o primeiro dos acordos asinados co Reino de Marrocos. Na súa intervención diría: «O noso gran patricio Castelao deixounos o legado das ensinanzas dos seus anos de loita pola redención do pobo de Galicia». Para continuar dicindo: «Hoxe, Galicia continúa agardando, e como parlamentario galego pídolle ao Goberno a inmediata concesión do réximen preautonómico para a terra galega en xusto recoñecemento as súas peculiaridades». Tiveron que pasar tres anos e medio (20 de outubro de 1981) para que a nosa terra tivera a plena autonomía.

Estou completamente seguro que foi a primeira vez dende a Segunda República que alguén ergueu a voz e pronunciou o nome de Castelao para pedir autonomía da nosa terra nas Cortes do Estado. Víctor participou e formou parte dende os primeiros momentos da Xunta democrática, que foi o órgano sobre o que xiraron e comezaron a articularse os primeiros movementos políticos de integración democrática. Foi igualmente o encargado polo presidente Adolfo Suárez de organizar e encabezar a candidatura de Unión de Centro Democrático de Galicia na provincia de Pontevedra ás primeiras eleccións ás Cortes do Estado, que foron o 15 de xuño de 1977. O respaldo que acada a súa candidatura foi tal que logra seis dos oito escanos que lle correspondían a circunscrición electoral. Do seu éxito diría: «Por min votaron os obreiros de Vigo, os campesiños de Pontevedra, as clases medias, profesionais e empresarios e moi fundamentalmente toda a poboación mariñeira de Pontevedra; en plebiscito unánime arrouparon a miña candidatura as confrarías de pescadores, os burgos mariñeiros, os sectores de mariscadores e ampla poboación mexilloeira das rías».

A historia continúa.