O soldador

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

20 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Non foi o mellor Nadal para o Julito do Salgueiro. Eu pedinlle permiso para contar esta historia. Concedeumo. Antes recordoume que na súa última ocupación, no sector do metal, traballou con pericia na arte da soldadura. Eu ignoraba por que insistía tanto nas súas habilidades soldadoras. Só o souben cando terminou de contar a súa delirante experiencia. Outra máis do Julito, o único que é capaz de distinguir a frescura do peixe botando unha gota de limón no ollo de robalizas ou xirelos: se o peixe chisca o ollo, fresco. Resulta que un accidente doméstico, que aínda non relatou con claridade, serviu para que tibia e peroné rachasen. Non lograba moverse. Agatuñando foi quen de chegar á porta, na que esperaba o Quique da Xironda. Chamaron ao 061. Ambulancia. Hospital. Proba covid positiva. Non puideron operalo ata dez días despois. Coincidiu coa mañá do 31 de decembro. A operación foi ben. A anestesia, epidural. Podía falar cos médicos. Eu non sei se é certo, pero o Julito asegura que as operacións non son como as de antes, que teñen música melódica nos quirófanos e que a anestesia produce un relax marabilloso, como no reservado da discoteca Nitons: alí, as alucinacións de todo tipo eran costume. Saíu do quirófano. Os pais leváronlle cigalas, langostinos e unha centola da ría para a cea de fin de ano. Na planta dixéronlle que non podía comer. Resignación. E contoulle a unha enfermeira o que logo me contou a min. Mentres estaba no quirófano, falando co cirurxián, díxolle: «Ti abre, que soldar soldo eu». «Como?», preguntou o galeno sorprendido. O Julio calou. Porén, segue pensando que entre soldar aluminio e soldar ósos non debe haber unha gran diferenza.