Patriotismo carnívoro

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Ricardo Rubio

18 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A polémica das macrogranxas ven do ano pasado pero seica vai acompañarnos até saber quen gobernará as provincias de Castela e León. Os que popularizaron a cuestión e a manteñen viva na opinión pública non discuten de carne ou gandería, nin de cambio climático ou medio ambiente. O tema ten unha letra e un son diferente á alimentación e ao cambio climático. Compre non trabucarse porque asunto non vai diso, vai da dignidade patria ofendida, de supostos intereses nacionais agredidos e de traición ao Estado. A tripleta resultaría cómica senón fose unha manipulación con consecuencias. As cousas da honra patria sempre se construíron con manipulacións así, aquí ou en Francia, pero as veces o tiro sae pola culata; como cando Bismarck, manipulando o famoso telegrama de Ems, logrou que Napoleón III, sentindo ofendida a honra de Francia declarara en 1870 unha guerra a Prusia que só podía perder. Perdeu a guerra, o trono e en París declarouse a Comuna. A emoción é compoñente central dos nacionalismos populares, pero faise perigosa cando o nacionalismo ten estado e exército poderoso. En Costa Rica ou Suíza ten menos problema.

No caso español, á emoción únese a honra calderoniana que, sumada ao vitimismo tráxico cultivado dende Trafalgar e adubado polo Peñón, está sempre disposto a saltar. En especial contra a Pérfida Albión. Os nacionalistas españois, de Vox ao infinito e máis alá, ían reaccionar a unhas declaracións coma estas dun ministro esquerdista a The Guardian. Como a expresión foi máis unha vez confusa para aclarala sempre hai un Bismarck. A proba de que o asunto vai da patria e non de gando é que Lambán e García Page saíron á palestra como motos rojigualdas, sen saber a que turraban, dispostos a defender a patria en perigo como o alcalde de Móstoles. Exhibiron o seu patriotismo primario á chamada de manual dos estrategos de comunicación da dereita de como excitar sentimentos básicos de identidade e pertenza. Eses que os locuaces presidentes socialistas critican nas nacións litorais ibéricas incluído o Portugal veciño. Eles tan cosmopolitas caen como un rabaño para facerse fotos pecuarias. O campo como depósito identitario da nación acompáñanos dende o romantismo. Non dixo ren o presidente de Asturias que de vacas sabe, tampouco entrou ao trapo taurino quen goberna os montados e as dehesas da Extremadura. Por algo sería. Aos anais pasará a frase e Page sobre que o tamaño da explotación non importa, usando como analoxía a pesca dun peixe coa cana ou moitos con redes. El que preside unha comunidade sen mar, con ríos e lagoas estragados por sulfitos e nitratos, enxoitos por un regadío intensivo, insensato e gratuíto.

Ben sabemos que non todas as vacas son iguais. O meu carniceiro, Javier de Sigüeiro, percorre Galicia escollendo xatos en casas con poucas vacas para abastecer á súa clientela. As veces a escolla non responde ao esperado, en cortando a carne sabe da alimentación do gando e con complicidade advírtecho. Que lle pregunten a el polo que comen as vacas, porque ese é o problema.