A prol do galego de Asturias

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Ponte dos Santos, na ría do Eo, entre Asturias e Galicia
Ponte dos Santos, na ría do Eo, entre Asturias e Galicia

16 ene 2022 . Actualizado a las 11:51 h.

No ano 2002, a Real Academia Galega celebrou o Días das Letras en Vilafranca do Bierzo. Lembrabamos a figura e a obra do Padre Martín Sarmiento, que naceu naquela vila en 1695. As autoridades de Vilafranca agasallaron a súa memoria, acolleron os actos que programou a RAG, complementáronos con outras iniciativas e, dende entón, todos os anos compartimos algunha actividade naquelas terras, que politicamente pertencen á comunidade de Castela e León, mais que saben que forman parte dunha irmandade común. En total son quince concellos maioritariamente galegofalantes (Barxas, Cacabelos, Carracedelo, Corullón, Ponte de Domingos Flores…) e outros oito nos que o galego ten algún menor uso. En 1976, os autores do Atlas Lingüístico Galego (ALGa) percorreron aquela comarca documentando as falas en cinco concellos. Igual se fixo no occidente de Asturias, entre os ríos Eo e Navia, territorio no que o galego ten tamén expresión propia en 18 concellos, algo do que xa falaba Manuel Murguía no século XIX e que Dámaso Alonso en 1943 identificou como «gallego de la Asturias occidental», tamén galego-asturiano, denominación acuñada en toda a lingüística hispánica. O glotónimo eonaviego é un neoloxismo creado a finais dos anos 90 dende o galeguismo lingüístico e promovido despois dende a Academia da Llingua Asturiana, nun afán por distanciarse da memoria común e afirmar unha especie de lingua autónoma entre o galego e o asturiano.

A RAG non entra na discusión política. O noso papel non é ese. Mais nos estatutos da institución, actualizados no ano 2000, establécese claramente que entre os seus fins está o estudo e defensa do idioma, con responsabilidade na súa normativa e dignificación, e enténdese por idioma galego (artigo catro) tamén «as variedades faladas nos territorios exteriores: Asturias, León e Zamora». Os autores do ALGa colleron mostras da lingua da zona occidental de Asturias en sete concellos de entre os 18 que a falan, dende a Veiga, que é un dos máis próximos a Galicia, ata Coaña, Boal e Pezós, xa preto do río Navia.

Por riba de liortas de calquera caste, e na súa condición de institución científica, a RAG séntese na obriga de defender o galego alí onde haxa falantes, sexan moitos ou poucos (arredor de 40.000 neste caso), moito máis cando eses falantes son conscientes da súa identidade. Ninguén quere impoñer o galego en Mieres, Avilés ou Llanes. Quen fala diso? Mais se na reforma do Estatuto de Autonomía de Asturias se recolle a denominación «linguas propias da comunidade» e, coma tal, se considera o asturiano, outrosí debe corresponder ao galego que se fala na banda occidental, que non é un invento nin da política nin da filoloxía. Igual de propios son os dous. E se un asturfalante reclama o dereito a ser recibido como tal na Administración autonómica, cuestión que consideramos xusta, outro tanto debe establecerse para o galego de Asturias, cos mesmos dereitos e a mesma consideración.