Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

Fraga, aquela gaita

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

15 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu aborrecín o Fraga da Transición. Anoxábame a súa voz, o seu xeito de dicir e, sobre todo, anoxábame o que dicía: «Los Pactos de la Moncloa favorecieron al obrero y perjudicaron al empresario». «Me niego a aceptar el término ‘‘nacionalidades'' porque crearlo fue un error histórico y es un peligro político». O peor era cando lle patinaba o embrague no debate parlamentario e facía un discurso absurdo por agresivo e violento. En 1980, ao desaparecer a alusión á Igrexa católica na Lei de Liberdade Relixiosa, berrou no Congreso: «La única tensión que puede eliminar esa supresión es la que existe entre los que hacen iglesias y los que las queman». E xa citei nun artigo anterior como a cabeza lle fervera a cachón, en 1978, no debate sobre o intento de golpe de Estado chamado operación galaxia: «La intervención de Gutiérrez Mellado fue una falta de respeto al Parlamento… Responsabilizo al Gobierno y al ministro de Defensa de lo que pasó… El ministro está dividiendo el Ejército… Fue un debate de monos… Esto es una Cámara del Este, por eso quienes más aplauden son Carrillo y su gente».

Recoñézoo: non podía aturalo e cando, en 1989, fixo a campaña electoral como candidato á presidencia da Xunta e formei parte do equipo que o entrevistou na Voz, coñecín o sabor dos sapos crus. Bieito Rubido e Carlos Luis Rodríguez faríanlle as preguntas máis amábeis e Leoncio González e eu as máis incómodas; pero Leoncio enfermou e quedei só ante o perigo. Largueille a primeira, e arrugou o fociño; á segunda respondeume irado e á terceira co coñecidísimo ruxido do «león de Vilalba». A partir de aí, nin me mirou.

Gañou as eleccións, entrou na praza do Obradoiro con 1.500 gaiteiros, e eu publiquei a caricatura do novo presidente coa gaita na man. Foi un acerto, pero maior foi o de pintarlla sempre e converter a gaita en símbolo do seu goberno. Non faltou quen nos primeiros días do mandato lle comentase a falta de respecto que para a súa persoa e para a institución supoñía aquela imaxe de presidente-gaiteiro, pero rexeitou a acusación, defendeu a gaita como símbolo de galeguidade e recoñeceu o dereito do caricaturista a facer o seu traballo con liberdade. Eu ignoraba que aquel home feroz era, fóra da escena política, un home con gran sentido do humor, ocorrente, divertido e desde a etapa de embaixador en Londres, coleccionista das caricaturas que lle faciamos, por ferintes que fosen. Sóubeno cando o director do gabinete de comunicación da Presidencia empezou a pedir os orixinais das que lle gustaban e cando na proximidade do Nadal nos convidou a xantar aos viñetistas de todos os xornais. O encontro repetiuse ano tras ano e sempre se sentiu entre nós coma o peixe na auga.