Desesperación

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Salvador Sas | Efe

08 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días lía unhas declaracións da nai de Déborah Fernández-Cervera dicindo que a súa filla non lle interesaba a ninguén. Quixera berrarlle: a min si! Pero con iso non ía amañar nada. Porque ela, ao que se refería, era a que non interesaba aos que tiñan poder para seguir investigando o seu asasinato.

Quedan só catro meses para que o caso se arquive no esquecemento. Se eu fose a nai de Déborah... Non sei se tería tanta paciencia, non sei se sería tan compracente coa Xustiza. Vén de publicar nas redes sociais un informe policial do ano 2019 no que se indica que é preciso investigar a unha persoa próxima porque incorreu en contradicións e imprecisións, o que fai pensar que está implicado na desaparición e na morte da moza.

Iso é o que provoca a desesperación: acudir a calquera posibilidade, incluso ás das redes, que tamén poden facer moito dano. Omitiron o nome da persoa que aparece no informe policial, e paréceme ben. Pero o que está claro é que hai un nome e uns apelidos que identifican a un posible implicado. Por moito que a sospeita sexa débil, debería ser investigada. Porque a vida dunha persoa merece chegar ata a última físgoa de esperanza.

Se eu fose esa nai estaría igual de desesperada. Tamén petaría en cada porta, tamén me arriscaría a cometer ese acto. Porque querería que indagasen absolutamente todo. Se a Xustiza está escasa de medios debe reforzarse. Pero os cidadáns debemos sentirnos amparados e non desprotexidos e indefensos. E o que é peor, abandonados e silenciados.