A tolemia dos currículos escolares

Celso Currás
Celso Currás EXCONSELLEIRO DE EDUCACIÓN

OPINIÓN

Sandra Alonso

03 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada vez que se aproba unha lei educativa estatal, elabóranse neste ámbito unhas ensinanzas mínimas, comúns a tódolos españois. Partindo destas, nunha segunda fase, os gobernos autonómicos deben confeccionar os seus propios currículos ou programas das diferentes materias e etapas do sistema educativo. Desta maneira presérvase a identidade propia de cada rexión, mantendo ao mesmo tempo a cohesión territorial, lexitimada pola Constitución.

As administracións autonómicas levan trinta anos elaborando currículos, cunha absoluta perda de tempo e de recursos. Desde a Loxse, de 1990, ata a vixente Lomloe, do 2020, o proceso ven sendo o mesmo: equipos de docentes especialistas confeccionan uns programas amplísimos que logo son publicados nos correspondentes diarios oficiais, nos que ocupan centos de páxinas e serven de base para a programación didáctica dos profesores. Cando entra en vigor outra lei volta empezar, cun novo gasto de persoal e o consecuente cambio dos libros de texto, que tamén supón un dispendio para as familias.

O últimos currículos teñen uns sete anos de vixencia. Imposible que neste tempo sexa necesario renovalos, pois os coñecementos e competencias aínda non están obsoletos. Fanse ademais cambios irreflexivos, como por exemplo os estándares de aprendizaxe, que nacían coa Lomce (2013) e agora desaparecen coa Lomloe. Non é de estrañar que os docentes teñan a sensación de estar nunha permanente reforma, que nunca remata e que esixe constantes cambios nas programacións en función das arroutadas do goberno que toca e non de criterios pedagóxicos realistas.