Que teñan un feliz aninovo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Kiko Huesca | Efe

31 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Case vén sendo unha tradición que eu lles felicite o aninovo, ou me despida do ano vello, desde esta columna. Gústame, non vou negalo.

Vai pasando o tempo e aínda me parece un misterio marabilloso contar con esta ventá desde a que poder comunicarme con todos vostedes, ofrecerlles a miña opinión. Porque diso se trata, de amosarlles unha visión particular do mundo, cos seus erros e acertos, procurando a maior das obxectividades sen poder fuxir da inevitable subxectividade. Non sei se o consigo, pero trato de evitar a crispación, o ton agresivo, a discordia. Descúlpenme se algunha vez non o fixen así, pois nada está máis lonxe da miña intención.

Xa poden imaxinar cal é o meu propósito para o 2022: seguir habitando na calma, no sosego, na tranquilidade e na harmonía. Do 2021 despídome con tristura, sentíndome perseguida e oprimida pola pandemia, que tantas portas nos pecha. Pero tamén lle debo gratitude por todo e todos os que seguen e seguides aí, porque acompañar é o mellor que se lle pode ofrecer a unha persoa.

Así que grazas. Por manter tamén unha actitude respectuosa cos meus pensamentos e sentimentos. Polas críticas sen estridencias, sen malas formas. Tamén pola indiferenza, que prefiro ao ataque desapiadado. Grazas tamén aos que, nalgún momento, concordastes co contido ou forma do que aquí vou deitando. Axudádesme a avanzar.

Que teñan vostedes un Feliz Ano. Que a ledicia non nos caiba no peito, nos reborde por todos os poros da pel e teñamos que botala fóra, compartíndoa.