Boric, un presidente con nombre de ácido

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Rodrigo Garrido | Reuters

28 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O novo presidente de Chile vai facer mirar para el a moita xente. «O PC vaise arrepentir do seu apoio a Venezuela como Neruda se arrepentiu da súa oda a Stalin», espetoulle Gabriel Boric no debate das primarias da coalición Apruebo Dignidad ao seu rival comunista Daniel Jaude. Gañou Boric, sumou o apoio de toda a coalición, incluído o importante Partido Comunista Chileno, e seguiu gañando adhesións para ser presidente. Moita pluralidade e moita capacidade de acordo denota este proceso na esquerda chilena. Tamén moita democracia e moita liberdade sen apelidos.

Todo o mundo está pendente da China, convertida na patria do capitalismo planetario, e de súpeto Chile reaparece no horizonte. Unha parte da esquerda segue botándose bolívares á cabeza para explicar o inexplicable dun réxime manipulador e aparecen os chilenos de esquerdas para gañar unhas eleccións. Estamos razoablemente preocupados polo avance da extrema dereita en América e no mundo, cando os demócratas de centro e de esquerda chilenos (tamén de dereitas) sorpréndennos votando por un deputado moi novo, un dirixente estudantil radical, para cortar o paso aos amigos da ditadura. Algúns seguen pensando que a revolución cubana aínda podería ter unha oportunidade antes de que fine o derradeiro Castro, e a democracia chilena dá un paso adiante que pode ser radicalmente transformador.

A esquerda española discutiu durante anos quen é máis de esquerdas, máis progresista, quen ten máis historia, quen trouxo a democracia, quen vai dar o sorpasso. A dereita, por certo, discutiu o mesmo polo seu lado coa mesma intención de que só poida quedar un. E vai a plural esquerda chilena e resolve os dilemas mobilizando, dialogando, discutindo en primarias, apoiando ao candidato elixido en primarias e votando. Dá para aprender. Despois de ollar para Venezuela, Ecuador e Bolivia, algúns terán que facer a lectura chilena.

O máis interesante de Chile para esquerdas e dereitas é o exercicio de pluralidade e diversidade política, máis propio de Dinamarca, onde lle chaman pluralismo, que do Estado español, onde seguen a chamarlle fragmentación. Moitos partidos representando enfoques distintos, ás veces só matices, pero todos, do PC á Izquierda Cristiana, con capacidade de aceptar as diferenzas, concertar candidaturas e agrupar apoios. Cousas de repúblicas presidencialistas, certamente. Respecto pola diversidade, non só tolerancia. Cousa de democracias arraigadas.

Agardemos a lectura que poidan facer (ou non, diría Rajoy) as esquerdas hispanas. Boric é rotundamente demócrata e radicalmente de esquerdas, combativo e ácido como o seu apelido, se fai falta. Un candidato das esquerdas do mundo posterior a 1989, no que Putin quere recuperar a superpotencia de Stalin e o partido chinés crea células de millonarios. No que aumenta a desigualdade e a insolidariedade do individualismo de mercado, acompañadas de autoritarismo. En Chile combatérono con esperanza electoral. Agora veñen as políticas. Haberá que velas, pero xa sabemos que estes mozos son quen.