Víctor Moro: galego sen medalla

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

XOAN CARLOS GIL

21 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cóntase na miña casa que nos anos da fame, para que comeran os seus, Gloria Moro convenceu a meu avó Chendo de que lle vendera un ferrado do trigo que recollía das rendas da casa de Lamas. Eran os tempos totalitarios do mercado intervido da autarquía. Non estraña que o seu fillo Víctor fora toda a súa vida un firme defensor da liberdade de mercado. Sábese que décadas despois Gloria gorentábase coas centolas que lle achegaban os mariñeiros de Rinlo e Ribadeo empregados na flota de Pescanova. Solidariedades de veciñanza.

Cóntase que Víctor Moro protexeu mestres depurados, escritores exiliados retornados e sindicalistas antifranquistas en apuros. Sábese que foi alumno predilecto de Gregorio Sanz (o que inspirou A lingua das bolboretas), de lembranza imborrable na contorna ribadense, onde sempre se distinguiron os seus alumnos de todos os demais, entre outras cousas porque a todos lles aprendera o himno galego. Cóntanse historias súas no antifranquismo galeguista. Sábese que foi fundador da Xunta Democrática e bo amigo e protector de Blanco Amor. Cóntase que os seus carteis electorais foron os únicos da UCD respectados na campaña de 1977. Sábese que o enxeñeiro Camilo Nogueira, detido e despedido cando as folgas de 1972, entrou a traballar en Sodiga sendo Victor Moro vicepresidente.

Cóntase que puido ser presidente da Xunta preautonómica en 1977, pero parecía un soño demasiado regalado e quen podía, impediuno. Aquela UCD galaica era unha curiosa mestura de franquistas e non franquistas ao 50 % —así trenzaron as candidaturas das primeiras eleccións—, pero mandaba quen aínda tiña o poder. Sábese que aínda despois aceitou ser candidato á alcaldía de Vigo en 1979, pero non puido ser alcalde porque a alianza da esquerda tiña máis votos.

Cóntase que foi o director xeral de Pesca que mellor negociou para Galicia, aproveitando as expectativas da transición política. Sábese que foi o cerebro económico de Pescanova. Cóntase que Paz Andrade presentóullelo ao resto dos fundadores nunha cafetería de Vigo dicíndolles: este é o home que sabe facer as contas. Sábese que con eles primeiro fixo e logo pensou converter a Pescanova nunha das líderes da pesca no mundo. Porén moitos consideraban e algúns seguen escribindo que o problema de Galicia é que non tivo burguesía.

A dereita galega nunca deu conta das súas capacidades. Nin os conservadores galegos o fixeron con X. L. Barreiro, nin menos aínda os liberais con Víctor Moro, que pasou unha década convertido na grande esperanza do nacionalismo de Coalición Galega, sempre ollando para Barcelona, onde dirixía o Banco de España. Moito do que estes días se conte de Víctor Moro quedará na tona das cousas. O que si sabemos é que finou sen que as institucións galegas lle recoñeceran como merecía os seus degoiros. Fraga encargouse canto puido de borrar a súa memoria política. Tamén sabemos que defendeu coma ninguén o nome da ría de Ribadeo. Que a terra lle sexa lene e a memoria xusta!