Falar e seguir falando

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

DENÍS E. F.

18 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Mirando un cuadrilátero de ceo a través do gran mainel do auditorio do edificio Fontán, mentres tomaba notas, preguntábame por que había tan pouca xente no encontro plenario do Círculo de Montevideo cun título, «El mundo en pandemia», tan significativo para os que somos socialdemócratas.

Entre sesións puiden falar con Felipe González, que tanto apoiou a transformación de Compostela a través do Real Patronato, e tamén houbo vagar para breves encontros con Ricardo Lagos e Julio Sanguinetti en torno a ese espazo de centro-esquerda ou de esquerda-centro, idóneo para orientar os grandes temas mundiais neste cambio epocal.

O primeiro, a pandemia, que en España se está afrontando con acerto, quizais por unha sa concorrencia entre as Autonomías constitucionais que funcionaron mellor incluso ca os länder. Sairemos desta onda porque os españois demostramos sensatez e confianza na sanidade, mais non debemos esquecer que a solución definitiva a unha crise sanitaria global pasa por achegar a vacina aos países pobres.

Enfrontarse a retos como a demografía invernal do noso segmento noroccidental do planeta, en aberta contradición coas crises migratorias mundiais, obriga a ganduxar unha Europa ferida pola xenofobia e o rancor que atizan algúns partidos que se tildan de católicos, aos que alguén debería chamarlles a atención. A gobernanza do mundo esixe erradicar a indignidade da pobreza, que vai da man do cambio climático, e que a intelixencia humana, coa razón por diante, sexa capaz de dirixir con sabedoría o tránsito entre o analóxico e o dixital nesta revolución tecnolóxica que estamos a vivir.

Desafíos que nos interesan a todos e dos que, por iso, cómpre falar ata o cansazo para seguir falando nese espazo común que está cogobernando Europa, concertando as esixencias do mercado coas necesidades da sociedade para garantir unha saída xusta á crise e para sermos libres xuntos.

No que vai do século XXI o mundo cambiou tanto que a nostalxia xa non cabe. Todo cambia, agás quizais a organización dos partidos políticos, instrumentos esenciais na vida democrática que con frecuencia invocan en van a cidadanía como un oráculo abstracto para concitar o seu apoio.

Agradecinlle ao presidente Feijoo que me convidara a este foro presencial, moito máis estimulante cás frías conferencias en streaming. Ao baixar do Gaiás, teimaba na necesidade de que a tanxencia entre Compostela e unha Cidade da Cultura que pouco a pouco vai para diante se transforme nunha efectiva converxencia cultural. Depende dunha decisión política.