Un novo modelo de atención á dependencia

Francisco Xosé Bernárdez Solla PRESIDENTE DE VELLEZ DIGNA

OPINIÓN

CAPOTILLO

17 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ante o goteo de informacións sobre o novo modelo de residencias, dende Vellez Digna manifestamos a nosa preocupación, xa que se desprende que o novo modelo vai ser igual de privado que o antigo, é dicir, os dependentes seguirán estando en mans de empresas que canto menos persoal poñan para os seus coidados, máis cartos gañarán.

Os familiares demandamos un novo modelo de atención á dependencia, que oferte servizos variados (residencias, centros de día, axuda no fogar, etcétera), de titularidade, financiamento, xestión e provisión pública, de calidade, ben financiados, coa parte de coidados sociosanitarios subvencionada, pagándose só a parte hostaleira. Un modelo de proximidade, baixo o principio de envellecer na casa, cun número de prazas acorde á demografía de Galicia, dotados de persoal ben formado; e a un prezo razoable para as pensións medias galegas.

O novo modelo nacerá coxo se non cumpre cuns requisitos mínimos, como son:

1.- A creación de órganos de participación de familiares, traballadoras e usuarios en cada residencia, así como a garantía de participación destes en todos os foros que lles afecten.

2.- O establecemento da lista de dereitos de familiares e usuarios de residencias e tamén de medidas eficaces para a prevención do abandono, a neglixencia e os malos tratos, moi asociados á escaseza de persoal.

3.- Corrixir a actual falla de transparencia, que tanto limita o exercicio dos nosos dereitos: é preciso poder acceder aos nosos propios expedientes ou poder saber cantas denuncias recibiu a residencia na que vai  ingresar un familiar.

Tamén se debe asegurar que todas as residencias dispoñan de servizo, externo ou interno, de: dentista, logopedia, podoloxía, oculista, medicina, psicoloxía, traballo social, fisioterapia, perruquería e animación.

O novo modelo debe incrementar moito os rateos residente/traballadoras e dispor medidas para garantir o seu cumprimento, os actuais cocientes son moi escasos e non se cumpren. Débese especificar os rateos para a atención diúrna, a atención nocturna e a atención en festivos e fins de semana, para cada categoría laboral.

O novo modelo debe contemplar a ampliación e modernización do servizo de inspección e avaliar, periodicamente, o seu funcionamento; por exemplo, a través dunha enquisa aos usuarios e denunciantes. As conclusións da avaliación deben ser públicas e o proceso transparente.

É indispensable establecer un protocolo para a intervención nos expedientes dos usuarios e familiares sempre que se tramite queixa o denuncia; o expediente debería recoller as aportacións e probas testificais destes. A día de hoxe só se fala coa residencia.

Tamén deben establecerse uns «indicadores de resultado», que fagan visibles os problemas, máis alá do que poida atopar puntualmente unha inspección ( por exemplo, número de caídas ao mes por cada cen residentes ou número de residentes con chagas ou infeccións...).

Débese garantir a prestación sanitaria presencial permanente as 24 horas e 365 días do ano aos residentes.

Será un nutricionista da Xunta o que marque os estándares de calidade dos alimentos e as dietas tipo (diabéticos, sen glute, dieta corazón, etcétera). Tamén hai que prever medidas para conseguir que todos os traballadores coñezan o plan de emerxencias do seu centro.