Longa vida aos sindicatos

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

OPINIÓN

Martina Miser

17 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Isto comezou co primeiro Goberno de Aznar. Era como un mantra que se foi soltando a ver que pasaba e que callou, e de que maneira, en moita xente, sobre todo, manda truco, nas clases traballadoras: que os sindicatos eran unha cousa subvencionada para que vivisen do conto catro espabilados, que eran un problema, que era mellor sacalos do medio. Niso seguen a ultradereita e a dereita teóricamente moderada, esa que solta tacos no Parlamento rebaixando o xa de por si baixo nivel dos oradores á altura da lama máis chea de estrullo. E eu digo, menos mal que existen os sindicatos. Digo eu, que nunca estiven afiliado a ningún sindicato, Digo, menos mal que hai sindicalistas, porque, de non existir esas forzas que impoñen algunha forma de equilibrio á voracidade ilimitada da patronal máis caníbal, os escasos dereitos laborais (sempre son escasos, sempre) serían nada, e os retrocesos neses dereitos (que son moitos, hai un exceso de perda de dereitos laborais) serían maiúsculos. Reparemos en como reaccionaron certos sectores hai unhas semanas cando Bruxelas dixo que había que regularizar aos riders ou cada vez que o Goberno tenta organizar o asunto do traballo doméstico. Os sectores nos que se aglutina a patronal reaccionan avisando de que haberá máis paro, peores condicións. Claro, porque ao regularizar á xente, ao sacala da súa condición escrava, baixan os seus beneficios. Mais é unha cuestión de ética: o traballo non nos fai libres. O traballo ten que ser, sen máis, digno. E, que curioso, en canto se dignifican as condicións laborais sempre a patronal protesta, berra, ameaza, avisa. Será, polo tanto, que os sindicados o fan ben.

Hai moitos anos escoitei unha frase que é unha desas que guían a miña vida, por verdadeira: ningún esquirol rexeita os beneficios que conseguiu a folga. É así. Hai quen nunca se suma a unha folga, hai quen vota a quen os explota e os despreza, hai quen, se puidese, como dicimos, ilegalizaría todos os sindicatos baseándose niso que dicía ao comezo deste artigo, pero eses, curiosamente, nunca rexeitan o que consegue unha folga, unha mobilización, unha negociación colectiva. Toda esa xente que despreza aos que levan máis dun século loitando para que os traballadores teñan unhas mínimas garantías (vacacións pagadas, dereito á atención médica gratuíta, pagas extras, baixas pagadas ao nacer as nosas crianzas, etcétera), moitos deles son os que se benefician do que outras e outros conseguiron a base de que lles partisen a cara a policía, facendo folgas de fame e renunciando, ao facer paros, a boa parte do seu soldo. Sei que hai quen sería moi feliz cun mundo sen traballadoras e traballadores asociados facendo forza, contrapoder, presión. Son os nostálxicos do Sindicato Vertical do franquismo, que non é outra cousa que as vaquiñas entrando polo seu pé no matadoiro, e, aínda por riba, sorrindo.

Así que si: longa vida ao sindicalismo. Dígoo eu: que non pertenzo a ningún deles. Pero quéroos na miña vida. Na laboral e na democrática. Por se acaso.