Vivir en soidade na vellez, cada vez máis

Guadalupe Oroña Quintáns

OPINIÓN

CAPOTILLO

12 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), arredor duns cinco millóns de persoas viven soas no noso país, e delas, case a metade teñen 65 ou máis anos. Para algúns destes adultos maiores, a soidade é unha circunstancia non elixida que vén derivada de determinados eventos vitais (pola indecencia ou ausencia de fillos, a morte do seu ou da súa cónxuxe…). Esta soidade non desexada nas persoas maiores é un problema preocupante que pode afectar seriamente á saúde física, mental e social. De feito, o illamento pode aumentar o risco de sufrir deterioro cognitivo ou demencia, así como tamén pode derivar en problemas afectivos como a depresión ou a ansiedade.

Pola contra, tamén hai adultos maiores que deciden voluntariamente vivir sós nesta etapa da vida. Cada vez, a convivencia interxeracional é menos frecuente e existe unha tendencia á alza de fogares unipersoais.

Os motivos que levan a algúns adultos maiores a vivir sós, aínda que son únicos e particulares en cada persoa, poden relacionarse co apego á súa vivenda, con non «ser unha carga» para os fillos ou fillas, co feito de querer permanecer no seu contexto social e comunitario, ou tamén coa vontade de gozar dunha maior independencia; e tamén pode ter que ver coa negativa a ingresar nun centro residencial mentres se sintan válidos e sigan sendo autónomos.

Esta tendencia aos fogares unipersoais parece que se manterá e seguirá aumentando nos vindeiros anos, sobre todo para as xeracións actuais. O cambio nas estruturas familiares, a cada vez menos estendida concepción de parella para toda a vida, o descenso da natalidade ou o aumento do individualismo son algunhas das causas que poden explicar esta tendencia a vivir en soidade.

Sexa ou non buscada esta soidade, é necesario que desde os distintos ámbitos da Administración se adopten políticas sociais, sanitarias, económicas, de vivenda, etcétera que axuden a garantir unha vida digna e de coidados de calidade nas últimas etapas da vida, onde cada un poida escoller como, onde e con quen envellecer.