A teoría das ventás rotas e a prostitución

Silvia Pérez Freire
Silvia Pérez Freire DOUTORA EN SOCIOLOXÍA. PROFESORA NA UNIVERSIDADE DE VIGO E NA UNED

OPINIÓN

sss

12 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A criminoloxía é un ámbito de estudo apaixonante porque, entre outras cousas, xustapóñense diversas áreas de coñecemento coas que se trata de entender de que maneira se establece nunha sociedade a denominada orde social.

A consideración do que é delito sería un mecanismo para instaurar o que se decide que é inadmisible. No caso dos delitos «de xénero» ou aqueles nos que se determina que as mulleres sufrimos as consecuencias dun dano ocasionado por outro(s) e polo tanto, vítimas dunha situación allea e/ou sobrevida, existe habitualmente moita controversia.

Cada parte do mundo vai a refugo doutra e case sempre calquera dereito adquirido, no que atangue ás mulleres, parece que se atopa nun estado perpetuo de suspensión (a expensas de que unha nova clase política decida negalos, acurtalos e/ou modificalos). Vivimos tempos nos que a percepción podería ser outra: chea de esperanza e devolvendo á vida o lugar de centralidade que se merece pero infelizmente seguimos envoltos en vellos axiomas e na confrontación descualificadora. Este venres, 10 de decembro, conmemorouse o día dos dereitos humanos. No novo tipo de cidadanía, a violencia contra as mulleres debe superar a consideración social exclusiva do ámbito delitivo e pasar ao paradigma dos dereitos verdadeiramente universais, que son os igualitarios e inclusivos. Só así poderemos empezar a ver a prostitución cos ollos de empatía e responsabilidade cos que unha sociedade pode enviar unha mensaxe clara á súa cidadanía: o corpo das mulleres ten valor, non prezo; o propio desexo non se constrúe alleo ao desexo do «outro(a)» e a vontade ten límites: aquela que está ocasionando un dano invisibilizado por todas. Moi parecido o que acontece coa teoría das ventás rotas de Philip Zimbardo onde a norma social implícita nun determinado contexto autoriza a danar e maltratar aquilo que se percibe non coidado. No seu experimento, unha ventá rota dun coche transmitiu a mensaxe de que estaba abandonado e, polo tanto, acabou esnaquizado (a cuestión é canto tempo se ten de marxe para que isto suceda). Por iso a prostitución é un asunto político de primeiro orde e as mulleres debemos ser recoñecidas como suxeitos de plenos dereitos. Todas importamos, quizais máis, aquelas que non están sendo «coidadas».