Coa dose de reforzo, ómicron non nos dá medo

Sonia Villapol
Sonia Villapol CIENTÍFICA DO CENTRO MÉDICO DE HOUSTON (TEXAS, EE.UU.), E COMPOÑENTE DO EQUIPO DE INVESTIGACIÓN INTERNACIONAL DO COVID-19 (COV-IRT.ORG)

OPINIÓN

María Pedreda

12 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O covid non nos dá acougo e segue manténdonos alerta e expectantes, e xa van dous anos. Pero durante este tempo gañamos certa experiencia pandémica e podemos estimar predicións en función da evolución dos datos do comportamento do SARS-CoV-2. Coa baixada da efectividade das vacinas, as infeccións na xente vacinada comezan a desbordar, e tamén nos cativos sen vacinar que están enfermando máis que nunca. E a medida que o virus segue a espallarse xorden as variantes máis transmisibles. Probablemente chegue outra nova no verán de 2022, pero daquela xa teremos certo grado de inmunidade colectiva e seguramente unha nova vacina máis efectiva contra todas as variantes e que bloquee a transmisión. Aínda que antes disto teñamos que botar man dunha cuarta dose, e aínda que sexa moi cedo para aseguralo, en Israel xa o teñen previsto. É o que hai.

Sabemos ben que as vacinas funcionan, pero aprendemos que a medida que transcorren os meses pasan dun 70-95 % de efectividade a un 20 ou 40 %. A dose de reforzo, ou terceira dose (segunda para Janssen), fai que se restaure a eficacia inicial, e ademais a resposta é máis duradeira. Pero aparecen novas variantes que son unha ameaza seria. Acábanse de confirmar en Galicia casos positivos da nova variante ómicron, o que significa que xa leva un tempo circulando pola comunidade.

De ómicron temos boas e malas novas. As malas: que é moito máis transmisible, polo que os casos aumentan desproporcionadamente, e era o esperado. Ademais, ten unha limitación importante na neutralización medida polos anticorpos que xenaran as vacinas, polo que o risco de reinfección aumenta ata 2.5 veces máis en comparación coa delta. Ómicron non tardará en ser de novo a variante dominante que substituirá ao resto e poderá cambiar os tratamentos, a detección e a efectividade das vacinas. Sen dúbida, a limitación na protección das vacinas é o máis preocupante, e se lle sumamos que despois dos seis meses da segunda dose xa de por si baixa a efectividade, aínda máis. Acábase de confirmar que as dúas doses das vacinas non chegan para bloquear ómicron, pero tres doses si, e agora comezamos coas boas novas. Estudos recentes indican que as tres doses de Pfizer protexen contra ómicron, polo que supoñemos que acontecerá o mesmo cos reforzos das outras vacinas.

Será a terceira dose a que nos dará protección duradeira? Será a pauta completa? Cando teñamos dúbidas do futuro, hai que botar un ollo para Israel, levan toda a pandemia uns meses por diante. Neste país hai meses que se deu accesibilidade á dose de reforzo a toda a poboación. Produciuse unha redución dos casos, do covid grave e de hospitalizacións, e ata da mortalidade nun 90 % dos vacinados coa terceira dose en comparación coa segunda. Non sei que outros tratamentos reducen a mortalidade nesa medida, pero non moitos.

En Sudáfrica non se observou un aumento nas hospitalizacións en comparación coa variante delta, o que nos alivia bastante. O doutor Fauci acaba de anunciar que polo momento a severidade do covid causada por ómicron non parece maior ca de delta, polo que non precisariamos unha vacina específica contra a variante ómicron. A pesares de aumentar os contaxios na xente vacinada, os síntomas do covid son leves ou moderados. Este comportamento pode deberse a unha consecuencia da evolución do virus para volverse menos virulento.

Aínda así, non deberiamos baixar a garda e seguir tendo coidado porque hai menos marxe de erro e seguridade. Hai xente sen vacinar, onde incluímos aos cativos, e pouca xente coa terceira dose, aumentando o risco de novos contaxios e reinfeccións. Aínda non nos podemos esquecer das máscaras, do distanciamento, da ventilación, das probas e das doses de reforzo para reactivar a inmunidade. Pero ómicron corre coma a pólvora e cun pouco de sentido común facémonos a seguinte pregunta, cando a mellor solución contra os contaxios, as hospitalizacións e casos graves son as vacinas, por que agardamos a que o virus nos adiante de novo? A solución existe, é o que indican os datos, e sabémolo agora. Sabemos como actúa o virus, e sabemos como bloquealo e cunha sociedade tan receptiva á vacinación, por que se lle fai esperar á xente? As autoridades responsables teñen que dar prioridade á accesibilidade inmediata ás doses de reforzo, e non recorrer a constante ameaza da volta ás restricións, opresión e peches. Non sei canto aguante máis pode ter unha sociedade galega, pero realmente é admirable a capacidade de resistencia, aínda que pode que a longo prazo isto arrastre un alto costo na saúde mental.