Tampouco sabes falar galego?

Sandra Faginas Souto
Sandra Faginas MIRA E VERÁS

OPINIÓN

VITOR MEJUTO

04 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten razón Víctor Freixanes cando di que non todos somos Balbinos. Que moitos non fomos rapaces de aldea criados no berce do galego e aloumiñados pola lingua de Rosalía. Por iso creo, coma el, que o futuro está en todos os mozos de 15 anos que, sendo castelanfalantes, queren achegarse ao galego. Pero é difícil, é moi complicado mudar a lingua do corazón, a lingua das emocións, na que che fala túa nai, teus irmáns, teus amigos. Sábeno ben todos aqueles que viron no seu momento como lles arrebataban o galego en todas partes, pero conservárono alí onde é durísimo cambiar: na casa. Non obstante, aínda que moitos non foron quen de mudar ao galego no máis intímo non hai que culpalos, o que é importantísimo é o labor de construír ao seu redor unha corrente favorable. E favorable é poder escoitalo na tele, gozar da música en galego, dos programas infantís en galego, da tecnoloxía en galego, das mellores pelis en galego... Aí queremos chegar todos, a ter oportunidades na nosa lingua, e con ese vento a favor, será máis fácil falar pero tamén escribir. Porque o que resulta incrible é que despois de 12 anos estudando galego na escola, aínda haxa xente que presuma de ser incapaz de ter unha conversa en galego ou de redactar dez liñas sen ter faltas de ortografía, sen saber colocar un til ou de conxugar un verbo. Que non sintan vergonza. Esa querenza é de noso. O amor e o coidado polo galego correspóndenos só a todos nós.