Casado, nunha misa por Franco

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

27 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O 20 de novembro, Pablo Casado asistiu coa familia á misa que por Franco se celebraba na catedral de Granada e á esquerda faltoulle tempo para pedirlle explicacións e a el para dalas: como o domingo non podería ir a misa por ter que intervir no Congreso do PP de Andalucía, foi o sábado á que se celebrou na catedral, ás 19 horas, sen saber que a Fundación Francisco Franco andaba polo medio e que se ofrecía polo Caudillo. Puido ser así, pero a esquerda non acabou de crelo porque cada vez que abre a boca para falar da ditadura é tan hiperbólico e enigmático que non se sabe se a censura, a xustifica ou a defende. Por iso propóñome analizar neste artigo as posíbeis interpretacións da presenza de Casado no acto relixioso e facelo non co rigor do analista político, que non son, senón co rigor do técnico da construción naval, que fun.

Posibilidade primeira. Casado ignoraba que a misa era por Franco. Se foi así, nada hai que censurar. É como se vai pola rúa, tropeza e cae de fociños. Iso non quere dicir que non saiba andar ou que ande en malos pasos.

Posibilidade segunda. Casado sabía que a misa era por Franco. Aquí cómpre fiar fino e, por unha vez, non dar puntada sen fío; porque as motivacións para asistir poden ser varias, que reduzo a dúas: a política e a relixiosa. A política sería para demostrar a Vox que o PP non é «la derechita cobarde» e que está disposto a disputarlle unha parte do electorado da extrema dereita. A relixiosa é máis complexa, porque xira arredor dunha cuestión esencial: onde está Franco?

Se eu fose crente tería clarísimo que Franco está no inferno, polo que nada valen as misas que por el se dean. A min paréceme que un home que asinou tantas penas de morte, mesmo de persoas que salvaran a coñecidos dirixentes do bando nacional; que morreu negándose a trocar a pena de morte pola de cárcere a cinco terroristas, sen escoitar aos dirixentes europeos, nin ao papa, nin ao irmán Nicolás, so pode estar no inferno; pero doutores tivo e ten a Santa Madre Igrexa que saben diso moito máis ca min e din o contrario. Desde o cardeal primado Isidro Gomá, que converteu o golpe militar en cruzada, foron moitos os eclesiásticos que recuperaron a doutrina da «guerra xusta», de San Agostiño, e fixeron que Franco se sentise o novo paladín da cristiandade. Ademais está a relación sobrenatural que durante a contenda tivo con Ramona la catalana, fundadora da Pía Unión de las Hermanas de Jesús Paciente en Barcelona. Ramona visitábao en estado de bilocación e informábao dos movementos das tropas republicanas, advertíao dos perigos que corría e chivábase dos masóns que o rodeaban. Algúns oficiais chegaron a pensar que era Santa Teresa, pero o xeneral Petrirena comentou: «No, no es Santa Teresa, porque le habla en catalán». E Franco entendíaa.

En 1957, un selecto grupo de afervoados católicos pediu para Franco o capelo cardinalicio e, despois de morto, outros, igualmente católicos, a súa beatificación. De maneira que se Franco non foi directamente ao ceo nin ao inferno e está no purgatorio, Pablo Casado, bo católico, fai ben en orar por el. Ata cabe a posibilidade de que Casado —por aquilo do avó represaliado— sexa antifranquista ata as cachas e faga como Blas Piñar, que, cando o informaron da morte de Carrillo, dixo: «Ahora, todos a rezar por su alma». Pode ser, non?