Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

Todo cambia, pero todo segue igual

Servando López Álvarez PUNTO DE VISTA

OPINIÓN

HUMV

22 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

No campo da saúde a presenza de dor aguda é un problema facilmente identificable; o seu control é fundamental para evitar que se faga crónica. Debemos identificar debidamente o problema da dor aguda e propor solucións, tanto no plano de grupo de traballo como a nivel organizativo e institucional.

A dor postoperatoria é a que sofren os doentes sometidos a unha intervención cirúrxica. O seu control é un problema que, a pesar de coñecermos a súa orixe, non acabamos de dar cunha solución satisfactoria. E algunha delas está nas nosas mans, ao alcance do persoal sanitario. Sabemos que se informamos ben ao paciente e o implicamos activamente no proceso cirúrxico, o control da mesmo é mellor. Pero tamén temos que ser proactivos, debemos avalialo coas ferramentas adecuadas, facer un correcto seguimento e que exista unha adecuada coordinación e planificación por parte do equipo asistencial. Agora ben: as institucións sanitarias tamén teñen o seu grao de responsabilidade. Tratar a dor postoperatoria debe ser unha prioridade estratéxica dotada cos adecuados recursos e unha boa organización. Proxectar sobre o labor dos homes e mulleres do mundo da sanidade toda a responsabilidade, sen dotalos dos medios necesarios, é tan prepotente como mesquiño.

Os anestesiólogos levamos 30 anos traballando na dor postoperatoria nas unidades de dor aguda, con diferentes modelos de estrutura organizativa. No entanto, os doentes continúan a ter dor despois das cirurxías, o que nos leva a facer unha reflexión: é tempo de propoñermos unha mellora da formación dos profesionais implicados na atención da dor para buscar tratamentos analxésicos máis óptimos.