Don Juan Tenorio, onte e hoxe

Siro
siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

13 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un equipo de psicólogos, reunido na Universidade de Lancaster, revelou que os homes sufrimos máis que as mulleres as rupturas sentimentais. Non tiña nin idea, pero non me estraña; porque durante moito tempo criamos levar dentro un don Juan Tenorio e vimos as mulleres como pezas a cazar, gozar e esquecer; e como hoxe ese privilexio é tamén feminino, cústanos pasar polo aro da igualdade. Para nós é cómodo termos quen nos queira, nos coide e nos obedeza; por iso un home non deixa á muller se non ten recambio fóra da casa. A muller deixa ao home porque non o quere; e iso arrepíanos. Se nos deixa por outro, aínda podemos dicir que é unha candonga; pero se o fai porque non lle valemos, trememos ante o «que dirán»? Nesa situación seica o cerebro do abandonado segrega corticosterona, hormona que causa estrés e ansiedade; e tolea. De aí que o 80 % das mulleres vítimas do que antes eran crimes pasionais e hoxe é violencia de xénero, morren durante o proceso de ruptura. Mátanas por medo, por covardía.

 

Marañón di que donxoáns hóuboos sempre e en todas partes, pero que o mito literario naceu en España, no reinado de Felipe IV, por dúas razóns: porque a inmoralidade da Corte era comparable á das cidades bíblicas que mereceron o castigo divino; e porque sendo don Juan un rebelde fronte á lei e á relixión, en ningures podía resultar a rebeldía tan heroica como en España, onde Deus e o Estado eran máis fortes. Debeu de ser así porque a obra atribuída a Tirso de Molina inspirou a escritores como Moliére e Byron, a músicos como Mozart e Richard Strauss, e a sisudos pensadores de varios países; mentres o Tenorio de Zorrilla, creado dous séculos despois, foi parodiado e ridiculizado desde a estrea. Títulos como Juanito Tenorio, Don Juanico, Juaneca, anunciaban a desmitificación do personaxe; e no musical Un Tenorio moderno, a inversión de papeis entre don Juan e dona Inés foi total. Ao recibir as cartas de amor apaixonado que o galán lle envía, a noviza, na vez de abrasarse, ri a gargalladas; e cando don Juan aparece para facer a escena do diván leva o chapeu baixo brazo e limpa a cara cun pano porque dona Inés tirara pola xanela un xerro con flores e batéralle na cabeza. Vinte anos despois, Clarín poñía en boca dun personaxe masculino de La Regenta a opinión de que o Don Juan de Zorrilla xa só valía para facer parodias.

Non era así e o Tenorio seguiu representándose con éxito cada día de Defuntos durante o século XX e no franquismo non faltou nos teatros das grandes cidades, nin en TVE. A obra acaía á media España vitoriosa na Guerra Civil, con homes virís e autoritarios e mulleres adoutrinadas pola Sección Feminina, submisas, mesmo nas relacións sexuais: «Si tu marido te pide prácticas sexuales inusuales, sé obediente y no te quejes». «Si sugiere la unión, accede humildemente, teniendo siempre en cuenta que su satisfacción es más importante que la de una mujer». Pero tamén a media España derrotada asistía ás representacións; e cando Francisco Rabal e Concha Velasco a protagonizaron na TVE, en 1966, vímola todos. No ocaso da súa vida, o mariscal de Boufflers, falaba coa súa dona, Catherine-Charlotte:

­—A cantidade de cornudos que fixen ao longo da miña vida!

Ela respondeu con humildade:

—Gañáchesme. Eu só fixen un.