Capital das linguas de Europa

Marcos Maceira PRESIDENTE DA MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

OPINIÓN

CARMELA QUEIJEIRO

12 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta fin de semana Santiago de Compostela acollerá o encontro de 47 entidades sociais de defensa das diferentes linguas de 27 estados europeos. Todas elas agrupadas en torno á Rede europea para a igualdade das linguas (ELEN, nas súas siglas en inglés) que celebrará a súa asemblea xeral organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística. Galiza será, por tanto, a capital da defensa da pluralidade lingüística do continente, xustamente cando se fan 25 anos da aprobación unánime polo Parlamento galego da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos.

Exercer o dereito ao uso da lingua propia, con total liberdade, sen obstáculos, con plenitude de garantías. Estes son os obxectivos dunha organización non gobernamental internacional como ELEN que acadou o status de organismo consultivo, entre outros, do Consello de Europa, do Parlamento Europeo, da ONU, ou da Unesco.

A unión de esforzos para sermos escoitados ten dado froitos significativos para todas as linguas, tamén, por suposto, para o galego. Das dificultades para vivirmos na nosa lingua xa falan relatorios da ONU ou do Consello de Europa, grazas aos esforzos que a mesa coordina con ELEN para a presenza do noso idioma en todos os foros internacionais onde sexa posíbel denunciar ataques e reclamar posibilidade de uso.

Nunha Europa onde medra mesmo o cuestionamento dos dereitos máis básicos, pobos e entidades sociais reaxen coa defensa das linguas, da súa diversidade e do seu recoñecemento real a todos os niveis, como expresión e garantía necesaria para a democracia, a liberdade e o progreso social. Mostra diso son a lei Molac en Franza para o ensino nas linguas propias diferentes do francés, a lei do gaélico que chegará en breve ao Parlamento británico ou, en Galiza, iniciativas a favor do ensino en galego ou dunha porcentaxe equitativa no audiovisual. A diversidade non exclúe. Si o fai a discriminación que, en todas as súas formas, tamén na lingüística, debe desaparecer. E, coa capital en Galiza por uns días, avanzaremos cara a ese obxectivo.