Discriminación positiva

OPINIÓN

XOÁN A. SOLER

11 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras o clamor iniciado por esa nena chamada Moraima, as institucións poñen en marcha o proxecto Nós, que permitirá o uso do galego nas interaccións entre persoas e diversos dispositivos tecnolóxicos do mercado. Non é sen tempo, aínda que haberá quen pense que isto é tirar cos cartos. Nesta iniciativa está o espírito do artigo 7 da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, na que se recolle que a adopción de medidas destinadas a promover a igualdade non se pode considerar un acto de discriminación para as persoas falantes das linguas máis estendidas. O artigo é importante porque contén dúas palabras, igualdade e discriminación, que poderían parecer contraditorias, pero que non o son. Ademais, serve de argumento para contrarrestarmos o ataque destrutor de colectivos que instalan nos medios de comunicación, e nunha parte da sociedade, o tópico da imposición do galego, unha lingua que seica ten presenza pública porque unha minoría política e intolerante, naturalmente nacionalista e radical, teima en estender aos demais as súas ideas á forza, subvencionando unha lingua que quere negar o castelán. Os dereitos lingüísticos só se acadan se se empregan máis recursos na lingua desfavorecida e se acepta que para esa equiparación ideal hai que seguir o camiño da necesidade e defendela. Igualar non é repartir investimentos nin forzas, senón corrixir desaxustes, algo que no ámbito da nosa comunidade non se está a aplicar porque a perda de falantes é máis ca preocupante. E, malia sabermos que o problema non é só económico, non anima a evidencia de que as axudas públicas de promoción do galego minguaron ata o testemuñal, mesmo converténdose en moitos casos en ridículas ou inexistentes.