Alén das leis

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Alberto Ruiz | Europa Press

06 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Vaia por diante que non entendo de leis, non en profundidade. Mais sei que están para aplicalas, cumprilas e... protexernos. Con este último verbo bótome a tremer, pois ás veces fanme dubidar sobre a quen amparan. A Álex, está claro, non.

Quen era Álex? Un neno. Un neno inocente, alegre. Un neno que quería xogar. Por iso estaba no parque. E por iso mesmo non está.

Tiña nove anos. Nove. E non vai ter máis.

Porque de estar correndo nunha praza, pasou a ser raptado e asasinado. Polo simple (ou complexo) feito de que había un depravado nas rúas. Un homicida que saíra do cárcere había pouco. Un desequilibrado mental que levaba días intentando raptar nenas.

Os veciños así o contan. Levaban días preocupados, asustados, intranquilos... porque aquel veciño andaba ao axexo. Calaron? Non. Contárono. Deron a voz de alarma. E entón as leis... as leis non fixeron nada. Non defenderon a vila nin a Álex, non protexeron a súa vida e, por suposto, non lla van devolver.

A Francisco Javier Almeida, pola contra, permitíronlle vivir en liberdade e perpetrar un novo crime. Este, por desgraza, non era o primeiro. Temo que poida non ser o último, tampouco. Temo que haxa máis persoas coma el polas rúas do mundo levando vidas por diante e sendo practicamente impunes aos crimes que cometen.

Puido evitarse. Non tiña por que pasar. Este é o clamor xeral. Que isto non tiña que ter pasado. Debería existir un sentido común que impere alén das leis. Porque esta traxedia non ten nada de xustiza.