Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

A xuízo aos 96 anos

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

OPINIÓN

POOL

03 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

La Voz de Galicia publicaba unha nova o pasado 20 de outubro na que informaba de que en Alemaña comezaba un xuízo contra unha muller de 96 anos que fora secretaria dun campo de exterminio nazi, onde traballou levando a conta da xente, sabendo a quen se metía na cámara de gas, quen comía e a quen se deixaba sen comer, etcétera. A lei en Alemaña, que teriamos que imitar aquí, está orientada a reparar a dor das vítimas, que é tamén un xeito de facer xustiza, e é por iso que se xulga a quen se considera «colaborador necesario» para que o xenocidio puidese consumarse. Incluso escribía os discursos do seu xefe comandante do campo de concentración. Era, pois, parte da maquinaria da morte, do odio e da vergonza. E esta muller, de nome Irmgard Furchner, malia o avanzado da súa idade, senta no banco das acusadas para responder, fundamentalmente, diante da historia e, sobre todo, diante da memoria das vítimas. Non entrará en prisión dado o avanzado da súa idade. Como tampouco entrou John Demjanjuk, outro nazi case centenario a quen a Xustiza alemá sentou diante dos xuíces e xuízas para escoitar a condena á que foi castigado (5 anos por participar no exterminio de 28.000 seres humanos confinados en Sobibor). Este non entrou porque morreu nun asilo uns meses despois. Pero morreu condenado. Como esta muller morrerá condenada. E diante do debate de se ten sentido facer algo así á xente de tanta idade, a resposta só pode ser que si. Porque as vítimas (case que todas xa desaparecidas, pero hai descendentes que tamén o son) necesitan que a Xustiza repare o dano que sufriron. E escoitar «vostede é culpable», aínda que o reo non cumpra prisión por ser tan maior, repara e é bálsamo para tanta xente que sofre.

En Alemaña, tantísimas décadas despois do seu pasado fascista, seguen facendo xustiza. Seguen pensando nas vítimas. Aquí, milleiros de seres humanos continúan baixo terra sen que o Estado mova un dedo (agora, un chisco máis, pero o Goberno de Rajoy presumía de non dedicar un euro a ese asunto). Eu sempre digo que hai que poñerse na pel desa xente anciá que sabe que debaixo da calzada están os restos dun pai, dunha nai. E que aí seguen apodrecendo sen que ninguén lles dea unha sepultura digna e humana.

En Alemaña fan iso e ninguén protesta. Enténdese que é o xusto. Aquí, cada vez que dicimos que hai partidos que aínda non condenaron os crimes do franquismo (o PP, por exemplo), ou que incluso se reivindican herdeiros diso (Vox), dísenos que fomentamos a ruptura, que reabrimos feridas, que somos guerracivilistas. Pero claro, aquí o ditador morreu na cama, rodeado do amor da súa xente, e milleiros de franquistas, ao día seguinte, dixeron que eran demócratas de toda a vida. En definitiva, moi pouca xustiza. Moi pouca.