A RTP aquén do Miño

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

Nacho Gómez

28 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A relación de Portugal con Galicia no eido lingüístico-cultural (os idiomas condicionan pensamentos e sentimentos) levanta cuestións políticas e tecnolóxicas. Nestes días anda en conversas parlamentarias o vello asunto da televisión portuguesa aquén do Miño; e tras delas veñen as preguntas aos técnicos. Antes de que entidades culturais e políticas consulten formalmente o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación, vaian unhas aclaracións. Como previra o grande enxeñeiro Fernando Pardo (pai tecnolóxico da RG e da TVG), «todo o que vai polo aire ha ir por cabo; e todo o que vai por cabo ha ir polo aire». Cumpriuse: maioritariamente a televisión vai hoxe por cabo e o teléfono por aire (radio). De feito, véxase que un explotador de licenza en Galicia ofrece a canle da RTP vía cabo, mormente xa de fibra óptica. Se ese o fai, ¿por que non o fan os seus competidores? Arrisquemos unha suposición: porque en Madrid se ignora (¿a mantenta?) a relación Galicia-Portugal. Hoxe o sinal de televisión é dixitalizado e empaquetado en orixe, o que permite transmitilo aos receptores de maneira zonificada, mesmo individualizada. Só é cuestión de captar a fonte e redireccionala. ¿O custo? Mínimo, se a fonte é libre: caso dunha canle de televisión pública coma a RTP.