A infeliz Galicia profunda

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

MANUEL MARRAS

26 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Asegura unha xuíza que un neno medra tremendamente feliz en Marbella, pero non así na Galicia profunda. Se o di unha xuíza, será palabra de lei? Hai que ter en conta que o lugar ao que se refire é Muros, unha vila costeira de fermosa arquitectura na que destacan as rúas empedradas e os soportais en forma de arco. Ten aire medieval, mais non quedou ancorado nesa época, eh, que hai supermercado. E bares! colexio, casa do concello, biblioteca, hotel... teñen estrada e ata conexión wifi!! Non se comunican con sinais de fume, non pensen. O que pasa é que Muros, claro, non é Marbella. Nin quere selo. Garda o seu encanto doutro xeito.

Sen afastarse nada do centro urbano, ofrécenos a posibilidade de dar un gran paseo polo monte, ou chegar sen problema ás praias de area branca e fina, de auga limpa. Un neno aprendería o que é un río, unha ría, un outeiro e o mar e só con abrir os ollos desde a casa. Tamén poderiamos coller o coche e chegar á capital de Galicia en menos dunha hora.

Como vai ser feliz un neno medrando aí? Correndo polas prazas sen que os coches crucen polo medio? Respirando aire puro, gozando da natureza? Vaia, do mesmo xeito que medramos tanta e tanta cativada, que logo nos convertemos en cidadáns cívicos. Si, desde esa Galicia profunda que din. Quizais non saiba o que é Galicia. Nin o que é profundo. O que non lle vou negar é que aquí aínda queda xente cun amor polo noso tan fondo coma as raíces das árbores das nosas fragas. Profundo é o seu descoñecemento da nosa terra.