Póñanse as pilas dunha vez co Museo Carlos Maside

francisco cerviño gonzález ACADÉMICO CORRESPONDENTE DA RAG

OPINIÓN

25 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende que no ano 2010 Isaac Díaz Pardo foi apartado da dirección do grupo Sargadelos e do Laboratorio de Formas de Galicia, a preocupación polo Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside agroma periodicamente. Xa tan cedo como o 26 de outubro de 2010, eu presentei no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para declarar incluída a colección no catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. Esta proposición non de lei foi transaccionada por outros dous grupos da Cámara, o popular e o BNG, e aprobada o 2 de Nadal dese 2010 por unanimidade. O texto aprobado di o seguinte: «O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego, ao amparo da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia (Lei 8/1995), de 30 de outubro, para que nun prazo de tres meses solicite a documentación necesaria para iniciar o expediente que declare a colección do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside ben de interese cultural, a prol de comezar a continuación, o antes posible, a tramitación do expediente declarativo». O Goberno galego era, e segue a ser, o de Núñez Feijoo. Tres meses para iniciar o expediente e van aló once anos! 

É certo que as proposicións non de lei aprobadas polo Parlamento non son de obrigatoria execución para o Executivo, mais entrañan un compromiso político democrático.

Agora, once anos despois, o Goberno da Xunta di que está recopilando a documentación para dar cumprimento ao acordo e responder á presión da sociedade civil, na que hai de novo un brote de preocupación, como é lóxico, porque o Museo segue pechado (leva moitos anos), e ninguén sabe o que pasa alí dentro.

Preocupación polo estado de conservación das obras custodiadas (supoñemos) e pola integridade da colección que constitúe un todo e non pode dispersarse. O só inicio da declaración de ben de interese cultural impedirá a venda ou traslado dunha soa peza sen autorización da Consellería de Cultura.

A importancia enorme do Museo debe ser resaltada unha vez máis. Alén de que «o Museo reúne a colección máis completa sobre o movemento renovador da arte galega a partir de Castelao», en palabras do propio Díaz Pardo, e, polo tanto, ligado á memoria histórica anterior á Guerra Civil. É unha peza esencial tamén da memoria histórica do galeguismo político da inmediata posguerra (custodia os papeis do Consello de Galicia), como expresa ben a nómina de quen o pensou no exilio de Bos Aires: Luis Seoane, Rafael Dieste, Antón Baltar e Isaac Díaz Pardo, e dos fundadores: Otero Pedraio, Vicente Risco, Álvaro Gil, Blanco Amor, Chamoso Lamas, Valentín Paz Andrade e Ramón Piñeiro.

A importancia artística é inconmensurable para nós: Llorens, Castelao, Asorei, Xesús R. Corredoira, Couto, Maside, Concheiro, Colmeiro, Souto, Manuel Torres, Mazas, Huici, Cristino Mallo, Laxeiro, Lugrís, Maruja Mallo, Eugenio Granell, Luís Seoane, entre outros clásicos. Mais tamén están representadas as vangardas artísticas que reaparecen na posguerra: Menchu Lamas, Antón Lamazares, Manuel Moldes, Antón Patiño, Correa Corredoira, Baixeras, Leiro, Raimundo Patiño, Xaime Cabanas, Mantecón, Leopoldo Nóvoa e Conde Corbal, entre outros.

Está seguro todo isto? A Administración pública ten a obriga de protexer e coidar deste importantísimo legado.

Goberno da Xunta, póñase as pilas dunha santa vez, non se esqueza de novo.