Implantes capilares e acne

pedro puy PORTAVOZ DO PP NO PARLAMENTO DE GALICIA

OPINIÓN

Santi M. Amil

24 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Tanto o adolescente que se pecha na casa porque o espello lle devolve un novo rostro zarrapicado de acne, como o home maduro que procura en Internet solucións para conter a calvicie, están en crise. Pero as causas son distintas: o adolescente experimenta cambios eufóricos no seu corpo e afronta as incertezas dunha vida na que todo está por chegar; mentres o maduro padece as inevitables certezas que o paso do tempo ten no seu corpo, así como certa depresión precisamente polo feito de que poucos cambios na súa vida lle quedan por diante. Ambos os dous están en crise, máis especificamente en crise de idade; pero nin as causas, nin os remedios que procuran, se poden equiparar. 

No que vai de século vivimos dúas crises especificamente económicas moi intensas. A primeira, a de 2008, foi unha crise endóxena ao sistema económico, consecuencia dunha mala regulamentación financeira que bloqueou os circuítos de crédito entre as entidades financeiras levando á creba a moitas delas. O peche da billa do crédito afectou ás economías reais, pero especialmente a aquelas que, como a española, endebedáranse no pasado para potenciar sectores escasamente innovadores (o inmobiliario), e non para mellorar a produtividade dos sectores creadores de riqueza nunha economía dixitalizada e globalizada. A segunda, a crise do 2020, que irrompe nas nosas vidas cando aínda andabamos a recuperarnos da anterior, xurde por causas esóxenas ao propio sistema económico (un virus pandémico), provocando á vez o parón da produción e do consumo tras adoptarse severas restricións ás relacións sociais, como o confinamento.

As dúas foron, son, crises económicas; as dúas con consecuencias dramáticas pola caída da produción e o incremento da desigualdade. Pero os remedios procurados foron diferentes, porque diferentes eran as súas causas: na primeira, o apoio da Unión Europea foi dirixido a restablecer a fortaleza e a confianza no sistema bancario, o que provocou a súa fonda reestruturación; e a impulsar o reequilibrio das contas públicas e das estruturas económicas daqueles países que, como Grecia, como España, tomaran endoxenamente decisións que acentuaron os efectos da crise financeira na economía real. Na segunda crise, a prioridade foi recuperar a normalidade sanitaria investindo en vacinas; e ao tempo manter o nivel das rendas familiares e a solvencia das empresas, afundidas a causa dun virus alleo a uns mercados que precisaban liquidez para reactivarse coa volta da normalidade sanitaria. É moi posible que ao comezo da primeira crise houbera un defecto de euforia monetaria; e nesta segunda un certo exceso (como explicita xa a crecente inflación). É certo tamén que en ambas crises a Unión Europea condicionou as axudas, en maior ou menor grao, ao impulso de reformas estruturais. Mesmo podemos vivir o paradoxo de ter que implantar agora, coa segunda crise, as peaxes nas autovías que evitamos na primeira.