Gañar 1.370 euros ao día

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

David Fernandez | Efe

20 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O outro día nun foro público dixen que eu quero un mundo onde a xente teña dignidade e que, polo tanto, as persoas, para min, teñen valor e non prezo. Unha muller proferiu en alto: «Que bonito!», que nos fixo rir a todos e a todas. A verdade é que non fun orixinal. A idea é do século XVIII e de Kant, xa saben, ese filósofo que o profe Gabilondo citou nun mitin electoral e, en troques de recibir aplauso porque que un candidato cite un filósofo debería ser motivo de admiración, recibiu críticas e o choteo viral das redes. Porque, xa se sabe, neste país es mellor candidato se chamas en pleno Parlamento a unha deputada «bruja» ou «gallega gritona», como fixo un de Vox, que se fas referencia a Kant e as súas teorías e das a entender que les algo máis que a prensa deportiva.

As persoas, incluso as pobres, as estranxeiras, as que están en situación ilegal, as que xa non son produtivas, as que teñen algunha discapacidade, todos os seres humanos, temos dignidade e, polo tanto, valor e non prezo. Por iso non vale especular coa súa saúde, cercenar dereitos humanos ou defender a existencia de clases. A realidade ten que ser igualitaria, por humanidade.

Todo isto vén a conta dunhas declaracións fermosas que lle escoitei a un político hai nada. El dixo en rolda de prensa: «Hay personas que tienen valor y personas que tienen precio. Y yo no tengo precio». A frase é digna de aplauso e admiración. Este tío represéntame.

Ou non. Igual este tío non me representa. Porque o dono desas kantianas verbas foi un tal Antonio Manuel Carmona, ata hai nada dirixente do PSOE, posto relevante que ocupaba dende 1986, ou sexa, case dende os tempos de Kant. O tal Carmona, que ata hai nada daba leccións de ética nos faladoiros das teles (pero en fin, aí ata falo eu, así que o nivel é baixo), pasa a ser o vicepresidente de Iberdrola, é dicir, unha eléctrica que, cortocircuítense, ata agora non tiña no seu organigrama directivo o posto de vicepresidente. Creouse para el. Debe de ter moito valor.

Estaremos de acordo (Kant estaría) en que todo isto é un escándalo, porque este señor dicía que el non tiña prezo, el non se vendía, el era «Íntegro», así con maiúsculas. E o asunto é que quen dicía que non tiña prezo, si que o ten. Concretamente 1.370 euros ao día será o que lle pagarán. Aproximadamente, segundo informa a prensa económica, 500.000 euros ao ano de soldo. E seguro que nin ten que pagar a luz. Porque el non ten valor. El ten prezo. E grazas a xentes coma el, nin Kant podería pagar a factura da luz.