Maixabel, dez anos despois de ETA

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Jesús Diges | Efe

19 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Merece celebrarse esta década sen terrorismo etarra. Pero non pode pasarse a páxina do pasado sen lela a fondo. As vítimas esíxennos un deber de memoria. Iso fai maxistralmente Icíar Bollaín no filme sobre Maixabel Lasa, a viúva de Juan Mari Jauregui, asasinado no 2000. Unha aproximación persoal, feminina, nunha dimensión diferente e necesaria que indaga nas razóns, nas emocións e no recoñecemento da dor causada. Moi diferente de Patria. A diferenza dos títulos xa o explica todo, na ficción de Aramburu o etarra era un bruto homófobo e escravo da cuadrilla de amigos, na de Bollaín aborda a realidade das vítimas que queren a explicación e a desculpa dos vitimarios. Sen perdón. Como se chega a iso é un exercicio de introspección no que o espectador queda atrapado pola credibilidade interpretativa dos actores e as actrices. A pregunta da película é sinxela: por que?

A pregunta que fai a maxistral Blanca Portillo (Maixabel) a Luis Tosar e a Urko Olazabal (os etarras que mataron ao seu home) faise tamén na nova novela de Xaquín Fernández Leiceaga Baixo as alas de abril. Por que? Para destapar a máscara das persoas fronte á desculpa do grupo, por moi pechado e iluminado que fose. Que o eran. Neste caso fálase de Galicia, con lóxica xeracional, dende un individualismo metodolóxico manexado co oficio do científico social e con habelencia para situar o contexto: 1989. Na ficción ponlle un nome máis crible (FGLN) do que escolleron (EGPGC). Ao insensato intento de seguir a senda etarra.

Explicar a resiliencia mortal de ETA é un reto. O seu terror non rematou coa constitución de 1978, superou o ano 1989, o das conversas de Alxer e a caída do Muro, e aínda durou unha década despois do 11-S de 2001. Parecía que remataba en 2006, un ano despois do cese do IRA. Pero tampouco. Non se entende o IRA sen dominación británica, nin ETA sen franquismo. Require moitas explicacións contextuais e históricas. Visto dende hoxe, é arrepiante reparar que houbo máis violencia para lograr obxectivos políticos asasinando na España de 1980 que na anterior a xullo de 1936. O anarquismo xa abandonara o pistoleirismo individualista e o gangsteril, os falanxistas aínda tiñan menos pistolas que puños e aos carlistas enferruxáranselles os trabucos. Todo mudou co golpe. Os stalinistas tamén estaban dispostos a matar para construír o futuro, pero só despois de controlaren o Estado. Stalin logrou o que ninguén: que as súas vítimas lle pediran perdón chorando. Por algo Orwell escribiu 1984.

O contexto e a ideoloxía explican, pero logo hai que matar a sangue frío. Na miña época de estudantes había moitos pacifistas e obxectores, outros que non querían facer a mili no exercito español e algúns que querían facela para aprender a matar. A vida fronte á patria forma parte das respostas que ensaian tanto a novela como a película. Moi recomendables, imprescindibles. Os anos trinta non están tan lonxe.