Galiza precisa competencias, non sedes

Iago Tabarés LIÑA ABERTA

OPINIÓN

BENITO ORDOÑEZ

16 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dixo Confucio que hai quen cando o dedo sinala a lúa mira caro o dedo, no canto de mirar á lúa. Alén de que nos tempos que corren antes de nada sería bo coñecer quen é o dono do dedo, semella que a reflexión do pensador chinés pode ser de aplicación á proposta do presidente Pedro Sánchez sobre a descentralización das sedes de institucións. Malia que a proposta non pasou de ser unha mera reflexión, o certo é que semella que vai permitir desviar a atención, e o debate político, do realmente transcendente, o incremento do autogoberno e da capacidade de decisión das diferentes nacións do Estado, nomeadamente de Galiza.

Após 12 anos de goberno Feijoo, Galiza é a única comunidade autónoma, xunto con Murcia, que non viu incrementadas a súas competencias, algo cuxas consecuencias evidenciáronse con grande crueza durante a crise sanitaria, económica e social provocada pola covid, ou tamén na exorbitante suba do prezo da electricidade, que afecta tanto ás familias como ao noso tecido industrial, ou ante o comportamento das grandes empresas eléctricas que ven incrementar os seus beneficios a costa do noso medio ambiente, do patrimonio ou mesmo das familias galegas. Ante as situacións sinaladas a modo de exemplo, o máximo responsable do benestar das galegas alegaba a súa falla de competencia (léase incompetencia) para poder tomar solucións que lle permitiran a defensa dos galegos e galegas.

Certamente é unha verdade a medias, porén a pregunta que debemos formularmos é se mudaría algo de contar Galiza coa sede do Tribunal Constitucional ou do Tribunal de Contas. Evitaríamos o abandono rural ou a suba da electricidade de trasladarse a Santiago de Compostela, Ourense ou Lugo a sede do Observatorio Xeográfico español ou do Senado? Entendendo evidente que non, como tamén evidente é que polo feito de que o Consello Xeral do Poder Xudicial se reunise en Galiza, esta non ía contar cunha rede ferroviaria de cercanías que vertebre o interior do país ou a xestión do porto de Vigo.

O benestar dos galegos e das galegas non depende do lugar en que se localicen as sedes dunhas concretas institucións, senón ser quen de tomar as decisións que afecten ao noso futuro, ser nós quen decidamos o destino dos nosos recursos, cales son as nosas necesidades e as nosas prioridades. E iso pasa por que Galiza incremente a súas competencias e por ter a alguén con confianza no país e con vontade de exercelas; outra cousa é mirar para o dedo mentres pasa o futuro.