Todas as sedes en Madrid?

Xoaquín Fernández Leiceaga PRESIDENTE DA EXECUTIVA DO PSDEG E COORDINADOR DOS SOCIALISTAS GALEGOS EN CONGRESO E SENADO

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

14 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O trazo máis saínte desde unha perspectiva territorial nas últimas décadas en España é a fonda descentralización: somos un dos países do mundo que máis avanzou por esta vía, partindo dun estado autoritario sumamente centralizado. Os empregados públicos das comunidades autónomas triplican hoxe aos da Administración Xeral do Estado (AXE).

Ao tempo, persiste a centralización da AXE, con tres de cada dez dos seus traballadores concentrados en Madrid. É o resultado dun longo proceso histórico que o réxime democrático actual non alterou. O crecente dinamismo e prosperidade da aglomeración capitalina algo ten que ver con isto, por máis que, na miña opinión, os principais factores responsábeis sexan os relacionados co funcionamento do mercado.

Hoxe é máis posible que nunca unha desconcentración da AXE medida e planificada. A pandemia serviu para ilustrarnos sobre as posibilidades do traballo a distancia, e a mellora das comunicacións e o transporte reducen a relevancia da proximidade física. Alemaña (por exemplo, Biblioteca Nacional en Frankfurt, Arquivo en Coblenza, Autoridade Federal de Supervisión Financeira en Bonn...) ou a propia Unión Europea (con sedes en Bruxelas e Estrasburgo, tribunais en Luxemburgo, o Banco Central en Frankfurt e axencias ciscadas por toda a xeografía) son exemplos ás veces extremos disto. Sen chegar até aí, radicar a sede central dalgunhas empresas, axencias ou organismos fóra da capital pode contribuír a dous equilibrios territoriais de índole ben diferente. Por unha parte, reforzar a presenza central en territorios nos que esta é limitada: hai 0,3 empregados públicos centrais por cada 100 habitantes en Cataluña (apenas un pouco más no País Vasco), fronte a 2,2 en Madrid. Por outra, impulsar dinámicas económicas positivas en áreas menos prósperas, reforzando as oportunidades de territorios periféricos.

Navantia ou Paradores, teñen que ter a súa sede en Madrid? A Axencia Europea de Marcas situouse en Alicante, a española na capital. Son algúns exemplos. Desde logo, non avogamos por un proceso extenso ou rápido. Só pedimos unha avaliación rigorosa das decisións, optando polas localizacións nas que a presenza dalgún organismo da Administración central poida producir efectos externos de índole política, social ou económica máis positiva.

A cultura pode ser outra oportunidade. Hoxe grandes museos europeos abren segundas sedes. Por que non unha segunda presenza dalgún gran museo nacional noutro punto da xeografía española?