Imperio e manipulación da historia. Para que?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

TOBY MELVILLE

12 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O 12 de outubro de 1492 tense definido como encontro entre dous mundos. De todas as denominacións posibles para a chegada de Colón a América ségueme parecendo das máis aceptables, non por neutra senón por descritiva e congruente co coñecemento historiográfico. Non son americanista nin modernista -os colegas desas especialidades poden tratar mellor a cuestión-, pero como historiador e cidadán do tempo de hoxe preocúpame a banal reivindicación do imperio, a colonización, a «conquista» e os conquistadores que certos políticos están a traer ultimamente ao primeiro plano da opinión pública. O asunto non é novo. A visión da historia imperial castelá mantívose viva en charlas de café ou barras de bares, mesmo puido seguir léndose nas columnas de prensa de dinosauros superviventes do búnker franquista, onde reproducían o que eles mesmos escribiran na Enciclopedia Álvarez, nos libros de Formación del Espíritu Nacional ou nos guións do NODO do Ministerio de Información, cos que educaran a moitos homes e mulleres de hoxe.

A novidade reside neses políticos da dereita que como Ayuso, Aguirre ou Aznar defenden sen pudor manipuladas visións políticas do pasado, aliñándose con mensaxes que circulan nas redes e que milleiros de mozos e mozas fan circular coa mesma profusión que os vídeos de gatiños pero con moito máis ardor guerreiro. A mensaxe neofalanxista logrou penetrar na rapazada. En moitos centros o profesorado de historia ten que enfrontarse, ás veces con pouco éxito, a estas manipulacións do pasado. O que contan os colegas madrileños é para non crer. Sempre foi difícil razoar co imperialismo: explicouno ben Vargas Llosa -en novelas explícase mellor- en El sueño del Celta. A defensa do imperio español pode esperarse dos seareiros neofalanxistas pero cando o fan dirixentes ou merecentes do PP o asunto débenos preocupar.

Que se lle perdeu a toda esta xente no pasado? O mesmo pasado, pero moito máis recente, danos as pistas precisas. A re-invención dos pasados imperiais rendeu grandes servizos a visións non democráticas do presente. Hai agora cen anos, no tempo da irrupción das masas e a crise do liberalismo, cando a Primeira Guerra Mundial, as solucións democráticas competiron duramente con solucións autoritarias, aconteceu tamén dentro de moitos partidos socialistas e mesmo nas revolucións soviéticas. A glorificación do imperio axudou a agrupar ás masas italianas ou xermanas nunha idea común e nunha aspiración pola que pensaban que pagaba a pena comprometerse mesmo a costa da liberdade. No caso do fascismo a referencia era un imperio antigo, o romano, para o nazismo un imperio herdeiro do anterior, o xermánico. Nos dous casos foi crucial o uso do pasado politicamente recreado para xerar unha expectativa colectiva de futuro. Funcionoulles. Para Stalin o modelo foi o imperio eslavo dos zares (césares). A nostalxia imperial tamén estivo detrás do brexit británico. Coidado coa memoria dos imperios!