Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

Os tempos para o Nobel

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira EL MIRADOR DE LA CIENCIA

OPINIÓN

FRIEDEMANN VOGEL

09 oct 2021 . Actualizado a las 18:51 h.

Este mércores a Academia Sueca de Ciencias anunciou os gañadores do Premio Nobel de Química 2021: Benjamin List e David McMillan, por desenvolveren un método non contaminante que consegue, de xeito rápido, construír moléculas coa forma correcta para que nos sexan beneficiosas. Esta rama da química chámase catálise e na historia da ciencia as persoas que avanzaron nesa arquitectura molecular son consideradas heroes. Varias delas, coma Barry Sharpless (nobel 2001), Richard Schrock (nobel 2005) ou o recentemente finado Ei-ichi Negishi (nobel 2010) coñeceron ben Galicia. Tamén a coñece McMillan, que ten un galego no seu equipo.

Pero este ano moita xente esperaba que fosen premiados os artífices das vacinas de Pfizer e Moderna, Katalin Karikó e Drew Weissman. Na rolda de prensa, un xornalista fixo a pregunta incómoda: ¿Por que non se lles deu o Nobel? A resposta é marca da seriedade que cimenta o prestixio deste galardón: o xurado necesita o seu tempo para «recoñecer ás persoas correctas. E polo descubrimento correcto». Na ciencia actual ocorre ás veces que as ideas teñen moitos pais, e en moitas ocasións a maior dor de cabeza para a Academia Sueca é identificalos. Ademais, o prazo para as candidaturas péchase o 1 de febreiro, e naquela altura aínda quedaba por ver o impacto da vacinación. E, despois de todo, tal e como remataron a súa resposta, «hai Nobel ano tras ano, así que estean atentos a futuras edicións». Apóstolles a que en 2022 non haberá sorpresa.