Tormentas e fibras

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

Miguel Toña | Efe

05 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Vivimos tempos de susto continuo, co pano de fondo da pandemia. Agora xorde o temor a que unha grande tormenta solar faga colapsar as telecomunicacións no mundo; e aparecen expertos aparentemente apocalípticos advertindo de que as comunicacións a través de cabos que unen continentes baixo o mar serían perturbadas pola modificación da magnetosfera terrestre. E non carecen de razón.

Os cabos déitanse no leito mariño seguindo os perfís dos fondos, e protexidos -entre outros elementos- con mallas ou hélices de metal que non deixarían ás radiacións penetrar doadamente na súa alma. Aínda máis, hoxe os cabos non transmiten sinais do espectro electromagnético afectables por campos eléctricos ou magnéticos solares. Son mazos de fibras ópticas ao longo das que circulan fotóns, feixes de luz. E velaí o problema: as correntes fotónicas debilítanse e cómpre amplificalas, mais aínda non sabemos amplificar luz con luz e hai que facelo con electricidade. Os cabos levan ao longo do seu percurso uns rexeneradores electrónicos (torpedos) alimentados con corrente eléctrica desde os extremos terrestres. Daquela, como as tormentas solares colapsan as redes de distribución de enerxía eléctrica, o Apocalipse telecomunicativo pode vir polas liñas de alimentación das cabeceiras dos cabos intercontinentais.