O camiño longo da traxedia

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

JOE SKIPPER

29 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non esquecer con urxencia, esa é a cuestión. Ante as catástrofes, sabemos reaccionar. A solidariedade despunta e sentímonos fachendosos por iso. Mais o complicado, en xeral, é manterse. Nos primeiros días da pandemia saímos á rúa a dar as grazas a todos os que estaban en primeira liña da batalla. Aplaudimos, recoñecemos, doamos. Mais xa se esluíu. Agora enfrontámonos a novas catástrofes, que semellan opostas entre elas. Por unha parte, a auga, asolagando vilas e lugares. Por outra, o volcán de Cumbre Vieja, que derrete a vida ao seu paso. De novo, todos expectantes. Todos os medios de comunicación queren enviar persoal propio para nos relataren como se están a vivir as horas neses lugares. Moito se valora o inmediato! Mais as traxedias traen consecuencias dilatadas no tempo. Por iso estaría ben non esquecer con rapidez, manter a memoria e actuar en consecuencia.

Gustoume escoitar ao chef José Andrés pedir precisamente isto, que non nos esquezamos. En canto soubo da desgraza dos habitantes de La Palma, trasladouse alá, para traballar. Como non é a primeira vez que colabora en axudar en desgrazas deste estilo, ben sabe que o camiño será longo. Unha mostra máis de que ten ben merecido o seu Premio Princesa de Asturias da Concordia que recibiu o ano pasado. Cumbre Vieja devorou casas, propiedades... vidas. Para os veciños afectados a vida xamais poderá ser igual. Xa é irrecuperable. Quedaranlle as lembranzas. Usemos tamén nós a memoria para axudalos.