Fascinante Alemaña

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

MICHAELA REHLE

28 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Alemaña fascina. Beethoven e Marx abondarían para explicalo, pero como as cousas nunca son lineais tamén son alemás as aburridas películas que TVE pasa nas sobremesas da fin de semana e o seu século XX case poderíamos brincalo. Pero neste século sabemos que o noso futuro como europeos depende en boa parte do que pase en Alemaña, por iso e porque remata a era Merkel estabamos todos pendentes do resultado destas eleccións. Europa é Alemaña máis que Francia, tanto como Italia ou a Grecia clásica, e moito máis que unha península ibérica historicamente virada ao mundo transatlántico. Todos os demais países europeos son veciños dos xermanos. Os británicos xa nin están na Unión. O que pase en Alemaña vai ser decisivo.

A sombra de Merkel vai ser longa porque foi súa a solución que salvou a Europa como espazo político e económico na última crise. Era unha das posibles pero ela foi a única que a executou. En Merkel como en Alemaña nada é sinxelo, a mesma dirixente liberal acusada de impor unha austeridade de dramáticas consecuencias foi a que sorprendeu liquidando a enerxía nuclear e máis aínda acollendo aos refuxiados sirios e doutros países nos intres máis críticos das recentes ondas migratorias. Para complicalo máis é sabido que a súa educación política deuse nas Xuventudes Comunistas da RDA. A coalición que goberne agora, con ou sen o partido de Merkel dentro, pero liderada polos socialdemócratas seguirá en boa medida o seu camiño. As contas dan para que gobernen os socialdemócratas cos verdes e os liberais. Os cambios seguramente serán poucos e máis ben na liña de afondar máis coherentemente nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS). Axiña o veremos.

Casualmente visitei Múnich a semana pasada. Apenas se apreciaba que houbera unha campaña electoral. Moita riqueza, moito silencio, outro ocio, outros horarios, coches eléctricos, bicicletas, unha memoria difícil que está por todas partes, unha dereita -a de Merkel- e un Estado que aprenderon do seu pasado. As diferenzas coa nosa contorna son evidentes. Agás na cervexa, pero aí gañamos nós. Visitei o seu Centro da Memoria (Doku Center) inaugurado en 2015 e a visita resultou reveladora para entender a Merkel e a actual política desa nación. Se non poden visitalo, escoiten o podcast sobre memoria histórica do embaixador alemán en Madrid. Enténdese mellor por esa vía a actual política alemá que lendo prensa económica. Ninguén mellor que eles sabe que quen controla o pasado -no sentido de coñecelo, entendelo e dominalo- controla o presente. Alemaña con Merkel volveuse o máis confiable para Europa porque entendeu todas as 28 contradicións do seu pasado e estivo disposta a resolvelas.