Algo máis ca tecnoloxía

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

XOÁN A. SOLER

25 sep 2021 . Actualizado a las 23:22 h.

A nena Moraima quere falar coa máquina e a máquina non a entende. A nena ten tres anos. Teima en facerse entender, pero a máquina non a segue. «E que eu falo galego, sabes?», dille a nena. Pero a máquina non a entende. O vídeo corre coma pólvora polas redes, o que evidencia unha sensibilidade especial (e unha preocupación obxectiva) por parte de moita xente. Os pais de Moraima recoñecen que gravaron a escena en parte por xogar e en parte para non perder a inocencia da rapaciña que se expresaba no seu idioma, que é o idioma da súa casa; pero tamén conscientes (os pais) de que se cadra en pouco tempo, cando a nena se socialice na escola, moi probablemente perderá esa espontaneidade, ou mesmo volverá a casa falando castelán, non tanto por influencia dos mestres, que os hai moi bos e moi responsables, coma polo contorno dos rapaciños e rapaciñas cos que compartirá o resto da xornada e os recreos, por exemplo.

Eses rapaciños e rapaciñas están desasistidos. As músicas, as cancións, as películas, os debuxos animados, os xogos electrónicos, os xoguetes que incorporan algún rexistro lingüístico, no libro se cadra algo menos pero tamén, os espectáculos, os cromos, os deportes, todo se expresa na lingua dominante, que é a lingua do mercado e a que se impón na relación social do que chamamos a modernidade. Todos vivimos esa experiencia: fillos e fillas que na casa falaron sempre en galego e que, cando se escolarizan, volven falando castelán. Certo que, se os país e as nais manteñen o idioma, ao final a lingua primeira manda, pero as condicións de inferioridade son obxectivas e a situación, lonxe de calquera normalidade, esixe de cada un de nós un militante atento e mesmo ideoloxizado, cando non heroico. Nada que ver coa normalidade.

A Xunta de Galicia, xunto co Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CITIUS), vén de anunciar hai pouco un ambicioso proxecto para incorporar a lingua galega nas máquinas que falan, proxecto no que colaborarán o Instituto da Lingua Galega, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e outras institucións, mesmo empresas privadas relacionadas coa tecnoloxía informática. Unha boa iniciativa. Os cataláns, co proxecto AINA, van máis adiantados. Mais isto, con ser importante e merecer aplauso, non resolve o problema de fondo: a falla de recursos, iniciativas, materiais lúdicos e didácticos, oferta de lecer, estratexias de inmersión, programas integradores, para que a lingua de Galicia non sexa un adorno e non esmoreza en dúas xeracións. Nas plataformas audiovisuais, por exemplo, ofrécese a posibilidade de ver películas en versión catalá ou en éuskaro, dobradas ou subtituladas. Non así en galego. Dos videoxogos falamos hai dúas ou tres semanas. O mundo do deporte vive fóra da realidade da lingua, agás casos moi anecdóticos. Moitos dos nosos responsables políticos son conscientes da situación. Mais as declaración retóricas non resolven nada.Temos un problema obxectivo de futuro que cómpre abordar con valentía e determinación.